7H Cooperativa Cultural e Offmuseum convocan a primeira edición do Taller de Análise de Obra para todos os e as artistas e axentes culturais que queiran participar deste espazo de confrontación e aprendizaxe do propio traballo a través da ollada crítica e construtiva doutros creadores. O Taller de Análise procura atender a necesidade de maduración e acompañamento do artista postacademia e postemerxencia, onde poder presentar, nun espazo de intimidade profesional, os traballos e procesos que desexe madurar, contrastar e analizar.
Todos e todas as participantes seleccionadas terán que presentar ao resto do grupo un histórico da súa obra, un balance do camiño percorrido e un punto de situación de onde está. Participantes, coordinadoras, artistas e comisarios e axentes culturais convidados, contribuirán a comparar e destacar aqueles aspectos que poidan enriquecer o traballo do artista nun espazo de aprendizaxe colaborativo..
Ao longo do ano, unha mañá de sábado ao mes, reunirémonos para participar na presentación e análise do traballo de 2 dos artistas participantes. Cada persoa convocada dispón de 40 minutos. Os seguintes 50’ dedicaranse a analizar, preguntar e debater o seu traballo co resto de participantes. A sesión terminará cun pequeno relatorio do artista ou comisario/a invitado sobre as dificultades e desafíos vividos ao longo da súa obra.
| 1.11 MB | ||
| 311.72 KB |




















