Co obxectivo de difundir os valores da programación informática entre os rapaces, os seus pais e o profesorado, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) organizará o 10 de outubro o Scratch Day, no que os participantes poderán acceder de forma lúdica e divertida ao mundo da programación, tomando conciencia da potencia desta ferramenta como medio de expresión de ideas e vehículo para o emprendemento.
O CPETIG quere outorgarlle a este acontecemento un carácter familiar, polo que se dirixe fundamentalmente a rapaces e rapazas de entre 7 e 15 anos, que acompañados dun adulto, poderán compartir unha xornada aprendendo e gozando da informática a través do Scratch.
O Scratch Day, que terá lugar no salón de convencións do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia, ten como obxectivos xerais eliminar mitos en relación á programación informática, dar a coñecer a contorna da programación “Scratch” e aprender a desenvolver videoxogos con esta ferramenta informática. Ademais, con esta actividade preténdense difundir as posibilidades que poden ofrecer as TIC, especialmente en idades temperás e contribuír, así, a reducir a fenda dixital.
A xornada comezará ás 9.30 horas coa benvida aos participantes. Logo, entre as 10.00 e as 10.30 horas, terán lugar as presentacións e demostracións, e xa entre as 10.30 e as 13.30 horas, levaranse a cabo os obradoiros de programación en “Scratch”. A xornada rematará ás 14.00 horas coa presentación dos proxectos.
| jpg | 108.52 KB |




























