Santiago de Compostela e Galicia súmanse á iniciativa solidaria “Desde Valencia Para Valencia”, liderada polos prestixiosos chefs Ricard Camarena, Begoña Rodrigo e Quique Dacosta, en colaboración coa Asociación Valenciana de Empresarios (AVE). Este proxecto ten como obxectivo principal recadar fondos para apoiar a recuperación das zonas devastadas pola DANA na provincia de Valencia, poñendo un especial énfase na axuda a autónomos, comercios e pequenas empresas.
O movemento “Desde Valencia Para Valencia” busca organizar ceas benéficas de maneira simultánea en distintas cidades de España e do mundo o próximo 13 de decembro. Todo o recadado será xestionado pola asociación valenciana Mamás en Acción, unha entidade de utilidade pública cunha década de experiencia, que garante a entrega íntegra dos fondos a quen máis o necesita.
Os recoñecidos chefs galegos Pepe Solla, Javi Olleros e Xosé Cannas liderarán un evento histórico o próximo 13 de decembro na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
Será a maior cea conxunta de cociñeiros galegos realizada ata a data, unindo a 34 chefs de prestixio que acumulan entre todos 17 Estrelas Michelin, 2 Estrelas Verdes, 35 Soles Repsol e 2 Soles Sostibles. Este evento solidario contará tamén coa participación de 20 cocteleiros, 15 adegueiros galegos representando as 5 Denominacións de Orixe vinícolas de Galicia, así como destacados nomes da sumillería galega. A velada estará amenizada por un DJ e contará coas actuacións de Iván Ferreiro e Xoel López.
O obxectivo principal desta iniciativa é recadar fondos a través dunha experiencia única que ofrecerá dous formatos para adaptarse a todos os públicos:
- Evento completo: Inclúe un cóctel de benvida, unha cea e unha festa posterior. O importe da doazón é de 500 € por persoa, podendo adquirirse entradas individuais ou mesas completas.
- Cóctel + Festa: Esta modalidade inclúe o cóctel e a festa posterior, cunha doazón de 250 € por persoa.
Ademais, habilitarase unha MESA 0, accesible a través da web do evento para que calquera persoa ou empresa poida realizar doazóns ata o 20 de decembro de 2024.
























