A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Alastria organizan na Cidade da Cultura unha xornada sobre os retos e oportunidades que ofrece a aplicación da tecnoloxía blockchain en distintos ámbitos estratéxicos de Galicia.
No encontro, que será inaugurado pola directora de Amtega, Mar Pereira, e a presidenta de Alastria, María Parga. presentaranse exemplos da aplicación de blockchain no sector bancario, da man de ABANCA. Ademais, lanzaranse distintos retos por parte do sector público e privado nos que o nlockchain pode ofrecer solucións que melloren a transparencia e a seguridade.
Desde a Administración autonómica as propostas orientarase á aplicación do blockchain á trazabilidade alimentaria, así como as posibilidades que ofrece desta tecnoloxía para mellorar a transparencia e automatización da Administración. Desde o ámbito privado, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescado e Marisco (Anfaco) proporá liñas de actuación nas que o blockchain pode axudar ao sector.
Difusión da tecnoloxía blockchain
Esta xornada enmárcase nas actuacións previstas no convenio de colaboración asinado o pasado mes de marzo pola Amtega e Alastria, para obxectivo aplicar a tecnoloxía blockchain á xestión pública.
Entre os compromisos adquiridos por ambas entidades está o de sumar esforzos para facilitar un mellor coñecemento e difusión do blockchain no ecosistema dixital galego así como explorar as posibilidades de mellora da actuación administrativa e a prestación dos servizos públicos a través da utilización desta tecnoloxía.
Alastria é un consorcio multisectorial sen ánimo de lucro, conformado por preto de 300 entidades, entre empresas, administracións públicas e universidades, que ten como obxectivo fundamental favorecer a implantación, estandarización, protección e utilización do Blockchain en España acorde co regulamento europea.
Blockchain
O blockchain é unha tecnoloxía que permite gardar “bloques de información” conectados entre si en diferentes equipos, en lugar de condensar toda a información nun só lugar. Así, se se producise un fallo nunha plataforma de almacenamento, existen copias da información noutros lugares, o que o fai máis seguro que un sistema normal.
Ademais, a información está cifrada e non existe a posibilidade de eliminar ou modificar a xa existente só engadir nova, o que favorece a transparencia. As principais vantaxes desta tecnoloxía son a eliminación de intermediarios, a ausencia de posicións dominantes e o aumento da contorna de seguridade nas operacións.
























