A Biblioteca de Galicia acolle o 25 de maio a presentación do libro De Gres a Cádiz, unha obra inédita de Xosé Neira Vilas editado pola profesora da USC Dolores Vilavedra e Luís Reimóndez, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas. A presentación terá lugar precisamente no Auditorio da Biblioteca, que leva o nome do escritor de Memorias dun neno labrego.
A este novo libro inédito, enmarcado na Biblioteca de Autor que a Editorial Galaxia dedicou, xa en vida, a reunir a obra de Neira Vilas, sumarase en 2019 un segundo volume tamén descoñecido ata o de agora.
Neira Vilas comezou a escribir De Gres a Cádiz por volta de xaneiro de 1996 e que está composto por un “ramallete de lembranzas, de prosas condensadas”, tal como afirma o propio autor no limiar que deixou preparado para esta edición. Xosé Neira Vilas recoñece tamén abordar neste novo libro unha parte da súa vida con nostalxia e coa idea de “revelar, ao meu xeito, a Galicia aldeá de varias décadas atrás”. E, como é característico de toda a súa produción, literaria ou memorialística, bota man da narración en primeira persoa para dar conta do mundo que viu dende os seus ollos atentos. Deste xeito, en De Gres a Cádiz enmárcanse as vivencias do autor no período comprendido entre a súa estancia no Gres que o víu nacer, e a chegada a Cádiz, cidade onde se embarcou aos 20 anos cara a América disposto a vivir “unha nova etapa vital”. En definitiva, unha crónica da primeira parte da súa vida que nos vai permitir completar, con precisión, ese chanzo da súa biografía.
























