O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participa ás 10.40 horas na xornada de traballo Robótica en primaria, na que centros educativos amosarán o traballo que realizan con ferramentas de robótica nas aulas.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou a finais do curso pasado un novo programa de innovación educativa para introducir a robótica en Primaria.
Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia dotou de kits de robótica a un máximo de 120 centros docentes públicos durante o curso 2017/18 co fin de que o alumnado poida iniciarse na experiencia de programación básica, robótica e construción.
En concreto, o material estaba conformado por seis robots de uso educativo adecuados ás idades do alumnado; seis kits de construción, que permitirán a realización dun mínimo de cinco proxectos diferentes; así como un manual de uso e guía didáctica.
Tal e como figura na resolución, que se pode consultar no seguinte enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/22426, cada centro, dentro da súa autonomía, pode integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa da Consellería ou mediante obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo.
A iniciativa vai dirixida a alumnado que curse 4º, 5º ou 6º de Primaria durante o vindeiro curso, que ademais de adquirir nocións básicas sobre robótica e programación, tamén traballará as áreas denominadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
























