Presentación de "Co Pai"

Presentación da obra inédita do escritor Xosé Neira Vilas, coa participación de Dolores Vilavedra, autora da introdución, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Fernando Redondo, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas. O evento terá lugar no Auditorio Neira Vilas, no edificio da Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura de Galicia.

Na Habana, en febreiro de 2000, o autor de Memorias dun neno labrego, que antes lle dedicara un libro de lembranzas á súa nai, titulado precisamente Nai, decidiu escribir unha serie de prosas relacionadas co seu pai. O título: Co pai, é dicir, as vivencias do narrador co seu pai. As experiencias dos dous xuntos, en común, en compaña nos labores, traballos e problemas domésticos. Ao ser Neira Vilas o fillo máis vello, foi o que tivo un vecello máis estreito co seu pai na etapa máis vital, de traballo, deste. A memoria do pai aparece dese xeito case sempre vencellada á casa e aos labores agrarios: “Home multiplicado, a un tempo construtor, carpinteiro, labrego, atendendo as lúas, restrabando e sachando”. Vinte e cinco retrincos dunha relación fundamental, sempre presente na obra literaria do seu autor.