A Consellería de Economía, Emprego e Industria entregará os Premios do Comercio Galego 2018 o día 4 de decembro nun acto na Cidade da Cultura. Estes galardóns buscan poñer en valor as boas prácticas e a aposta pola calidade e a innovación no sector.
Os premios contan cunha dotación total de 12.500 euros e divídense en tres categorías: o Premio Comercio de Galicia, dotado cunha contía de 3.000 euros; o Premio Comercio Provincial, cunha contía de 2.000 euros por provincia; e o Premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes, cunha contía de 1.500 euros.
Os premios do comercio galego distinguen os establecementos, a nivel provincial e autonómico, que na súa xestión comercial executen accións innovadoras que comporten unha clara diferenciación e unha mellora na fidelización e a personalización do servizo e do produto. Para iso, valorarase a transformación dixital, os servizos engadidos á propia oferta comercial, accións promocionais especiais e utilización de ferramentas tales como a web e as redes sociais como canles de comunicación e venda e a integración entre as canles on line e off line.
No tocante ao Premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes, elixirase entre aquelas asociacións que poñan en práctica proxectos tecnolóxicos vinculados ao comercio que inclúan presenza na rede, utilización de novas tecnoloxías e que incrementen a fidelización e os servizos prestados aos clientes.
- GALEGO
- CASTELLANO
- ENGLISH






















