Entrega da novena edición do premio Voz de Liberdade que concede o Centro PEN Galicia e que recae na escritora Marina Mayoral. A escritora recibirá o galardón, unha peza orixinal do escultor Acisclo Manzano, nun acto celebrado no Auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia. Participará no acto o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo.
O xurado, formado por Luís González Tosar, Ánxela Gracián, Bieito Iglesias, Xabier Castro Martínez, Inma López Silva, Pablo Rubén Eiré, Luís Menéndez, Xosé Ramón Pena e Manuel Guede, tivo en conta a súa obra literaria e ensaística e investigadora, cos seus traballos sobre Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Valle-Inclán, e, "sobre todo, a súa constante defensa do dereito de expresión e de opinión e a reivindicación do papel da muller no ámbito da literatura e da sociedade en xeral".
En anteriores edicións o premio recaeu en Bernardino Graña, Úrsula Heinze, Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, Marcos Valcárcel, María Xosé Queizán, Salvador García-Bodaño, Arcadio López Casanova ou Méndez Ferrín.
























