O caso de Palmira | Reb/veladas na paisaxe IV

O caso de Palmira preséntase coma unha aproximación subxectiva á figura da meiga, da bruxa, cuestionando a historia aceptada e a súa representación como personaxes crueis e escuras no imaxinario colectivo. A través do retrato dunha meiga concreta, Palmira, Rebeca Lar pretende amosar todas as facetas das bruxas, cuestionando as derivacións negativas tan presentes na cultura popular e propoñendo novas lecturas: mulleres transmisoras de coñecemento, menciñeiras, comadroas, perseguidas pola Inquisición, marxinadas, rebeldes, independentes... e tamén símbolo feminista.

A intervención constrúe unha nova idea da “casa da bruxa” que recrea a botica dunha meiga, un espazo a medio camiño entre o real e o ficticio, entre o arquitectónico e o escultórico.

Inspirada na arquitectura escandinava e coa madeira como material principal, a casa intégrase no Bosque de Galicia e convida ás persoas visitantes a fisgar no seu interior polas fiestras, para descubrir o obradoiro de traballo de Palmira. Teas, fíos, agullas, costura e bordado (técnicas empregadas habitualmente por Rebeca Lar nas súas pezas artísticas), unha mesa con diversos obxectos e ingredientes relacionados coa práctica menciñeira, así como lenzos e ilustracións que refiren ao tema da obra dan forma a este espazo simbólico.

Nunha das paredes exteriores, a frase «Chiara Fumai estivo aquí», pintada con spray como unha pista ás persoas visitantes e unha chiscadela á historia da arte.

A porta de entrada permanecerá pechada agás en momentos puntuais como a apertura do ciclo, visitas guiadas ou actividades relacionadas coa instalación.

  • Artista: Rebeca Lar

Rebeca Lar (Vigo, 1993) é doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Na súa tese de doutoramento estudou as representacións da bruxa na creación audiovisual contemporánea, problemática coa que tamén traballa no ámbito artístico e literario.

Recibiu premios de institucións diversas como a Xunta de Galicia, Universidad Loyola de Andalucía, Deputación de Ourense, Universidade de Vigo, etc. Formou parte de exposicións colectivas en diferentes cidades españolas, así como en Cuba e Portugal. Entre elas destacan Lo (in)visible (Madrid, 2022), Identidades latentes (Galicia, 2020) ou Alén dos xéneros: prácticas artísticas feministas en Galicia (Vigo e Santiago de Compostela, 2017).

Na súa obra o texto é, simultaneamente, material e concepto. A orixe latina da palabra texto –’trama’, ‘tecido’– sostén unha creación artística que se vale de palabras bordadas, repetidas, definidas, superpostas, riscadas, borradas... recuperando con elas o quefacer artístico e activista das pioneiras feministas.

  • Comisaria: Clara R. Cordeiro

Clara Rodríguez Cordeiro (Ourense, 1983) é socia fundadora e directora de proxectos de 7H Cooperativa Cultural. Licenciada en Historia da Arte pola USC, doutoranda especializada en arte contemporánea, educación e xénero e Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas (USC e CGAC, 2009). Desenvolve, desde 2008, proxectos propios no ámbito do comisariado e a xestión cultural, defendendo co seu traballo a importancia dos procesos e da creación comunitaria.

Entre o seu traballo destaca a dirección dos proxectos Mulleres en Círculo (Igrexa da Universidade, 2016), Mutacións Urbanas (Concellos de Santiago e Teo, 2016 e 18), Elas tamén Pintan (Concello de Santiago, 2017-18 e 21), Delas Fest (Comarca de Santiago, 2019-22) e Utópicas, arte e territorio (Auditorio de Galicia, 2022).

Anteriormente foi coordinadora do espazo de creación e experimentación contemporánea A Chocolataría (Santiago de Compostela, 2006) e presidenta da Asociación Cultural [Sen Marco].