O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra | Tui

O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra é un proxecto expositivo e editorial que retrata as realidades e paisaxes que conforman o itinerario do Camiño Portugués e tece un diálogo entre a fotografía do pasado e as olladas do presente. De Porto a Santiago de Compostela, as paisaxes, a vida nas prazas das aldeas, os monumentos e as escenas cotiás que foron inmortalizadas en séculos pasados volven ser motivo de inspiración baixo unha nova ollada. Trátase, por tanto, dun proxecto que nos brinda a oportunidade de reflexionar sobre o que permanece inmutable e o que se transforma, construíndo unha memoria colectiva do camiño accesible a todas e todos. Tras ser exhibida no Museo Centro Gaiás, en Santiago de Compostela, e no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, poderá verse en Tui entre decembro de 2022 e xaneiro de 2023.

O concello de Tui acollerá unha adaptación deste percorrido expositivo en 71 instantáneas e 35 fotógrafos e fotógrafas que se aproxima á riqueza paisaxística e monumental deste itinerario histórico para facernos novamente conscientes do seu valor patrimonial e convidarnos a redescubrilo cos ollos de quen o mira por primeira vez. Grandes figuras da arte fotográfica a ambas beiras do Miño e artistas de procedencias diversas que transitaron por este sendeiro préstannos os seus ollos e as súas impresións para que nos embebamos das imaxes e das emocións que asaltan a quen visita cada un deses lugares e as poidamos vestir como unha segunda pel.

Na mostra poden verse, entre outras imaxes, fotografías históricas da ponte internacional que une ambas beiras do Miño entre Galicia e Portugal, da Catedral de Santa María de Tui ou vistas da vila tiradas no primeiro terzo do século XX por Pacheco, José Moreira, José R. Seco ou o fotógrafo alemán Otto Wunderlich, quen retratou como ninguén a vida, xentes e paisaxes da España dos anos 20. A eles súmanse olladas antigas e contemporáneas da bisbarra do Baixo Miño e as terras da fronteira portuguesa, como as que nos achegan Gomes Junior, Roberto de la Torre, Carmenchu Alemán, Antón Buciños, José Suárez ou Modesto Martínez.

Ao tempo, firmas destacadas das nosas letras e escritoras e escritores doutros lares e doutros tempos aderezan coas súas verbas o percorrido e móvennos á reflexión e ao pensamento, a un exercicio de introspección co que sementar na memoria de cadaquén o seu propio relato do camiño. A exposición serve de estímulo ao espertar dunha nova memoria colectiva arredor do traxecto. Bríndanos recursos cos que re-visitar eses lugares que nos son coñecidos ou abre para nós unha fiestra dende a que contemplar aqueloutros que aínda non percorremos.

A nosa memoria visual

No deseño desa viaxe, a mostra válese do labor imprescindible de diferentes entidades, asociacións, colectivos e particulares implicados na recuperación do patrimonio fotográfico a unha e a outra beira da Raia. É grazas ao seu traballo de catalogación, documentación e conservación, aos seus esforzos e compromiso na preservación da nosa memoria visual, que podemos volver andar estes camiños.

E, finalmente, a mostra afonda na irmandade entre os territorios, a lingua e os pobos portugueses e galegos unidos neste percorrido. Ofrécenos un outeiro dende o que contemplar este trazado común da historia onde as fronteiras se dilúen, as faces e os relatos se confunden para virar nun só que se transmite canda os ecos do Camiño.

Artistas

O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra convídanos a un diálogo visual entre a fotografía histórica e a contemporánea para movernos á reflexión sobre o tránsito, sobre canto muda e permanece ao longo do tempo.

Entre os estudios e artistas que fotografaron os lugares, os camiños e as xentes de Galicia e Portugal dende o século XIX e que forman xa parte da nosa memoria cóntanse Alberto Marçal Brandão, Artur Pastor, Aurélio da Paz dos Reis, Charles Alberty (LOTY), Emilio Biel e Companhia, Jaime Pacheco, Joaquín Pintos, José Gouveia Gomes Junior, José Moreira, José Suárez, Nicolás Muller, Octávio Lixa Filgueiras, e Otto Wunderlich.

Canda as súas imaxes, a exposición inclúe traballos de artistas da fotografía contemporánea que continúan a tecer ese relato con imaxes a unha e outra beira do Miño, como as de Antón Buciños, Blas González, Carla Andrade, Carmenchu Alemán, Eva Díez, Fernando Rey, Iñaki Matilla, Luis Borges, Juan Manuel Castro Prieto, Keila Pousa, Luis Vioque, Miguel Muñiz, Modesto Martínez, Nicolás Combarro, Roberto de la Torre, Tono Arias, Vari Caramés e Verónica Vicente.

O camiño en palabras

As imaxes dunhas e doutros técense con referencias literarias de autoras e autores de outrora e figuras relevantes das letras galegas do noso presente que retrataron con palabras ese mesmo camiño e as xentes que o percorreron e o transitan. Entre elas topamos as de Luís de Camões, Miguel de Unamuno, José Augusto Vieira, Antonio da Costa, Catherine Gasquoine, Florbela Espança, Teodosio Vesteiro Torres, L. Conde de Rivera, Victoriano García Martí, Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán.

A comisaria: Lucía Laín

Historiadora, comisaria, guionista e documentalista, a súa paixón pola historia da fotografía remóntase aos anos nos que traballa como coordinadora de desenvolvemento e contidos en longametraxes documentais. Deses anos son as súas primeiras incursións nos fondos fílmicos, fotográficos e  hemerográficos.

Na actualidade é unha experimentada documentalista que chegou a comisariar máis de doce exposicións: Nocturnas, mientras la ciudad duermeEn la cinta del tiempoEl Rostro de las LetrasSantos Yubero ou La Memoria del tiempo (con Publio López Mondéjar) e a documentar producións audiovisuais como a longametraxe El honor de las Injurias (Carlos García Alix), Morente sueña la Alhambra (José Sánchez Montes), Granados. El último romántico e Nuria Espert. Una mujer de teatro (Arantxa Aguirre) ou Albéniz. El color de la música e Marañón en Toledo de José Luis López Linares, e na escritura de guións como Mariano Fortuny, el universo en una caja.

Exposicición no Museo Centro Gaiás

O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra puido verse no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela) entre o 27 de outubro de 2021 e o 17 de abril de 2022, onde congregou a máis de 21.000 visitantes. A continuación, exhibiuse no Museo do Mar de Galicia en Vigo, entre maio e setembro de 2022, recibindo outras 11.000 visitas.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h