Nexos 2015

Vivimos en sociedades complexas, plurais e en constante cambio. A cultura contemporánea é a cada paso máis mestiza. Para descifrar as claves e tendencias de hoxe precisamos dunha visión panorámica que supere as vellas fronteiras do saber, conxugando a un tempo os enfoques científico e humanístico.

O ciclo de cultura contemporánea Nexos regresa en 2015 da man de Marcos Lorenzo, propoñendo desta vez un diálogo entre áreas do coñecemento tan diversas como a filosofía, a poesía, a arquitectura, a arte contemporánea, a narrativa e a gastronomía. 

Como xa é costume, combinaremos relatorios a cargo de destacados expertos con actuacións artísticas chispeantes, nas que non faltarán estreas de espectáculos creados en exclusiva para Nexos. E sempre desde un formato didáctico, ameno e distendido. 

Ao longo desta terceira edición afondaremos na figura de María Zambrano e no seu concepto filosófico da “razón poética”, precisamente na data en que se celebra o Día Internacional da Poesía; indagaremos no proceso creativo dos arquitectos e no seu xeito de imaxinar a cidade, tomando como espello e fío condutor a transformación urbana da Compostela actual; faremos un percorrido pola historia da arte contemporánea, preguntándonos canto houbo de revolución estética e canto de artificio; e exploraremos os vínculos entre saber e sabor, entre literatura e gastronomía, desde os clásicos grecolatinos ate hoxe. 

Catro sesións nas que retomaremos algúns vellos sinais de identidade, como a celebración das sesións na Biblioteca e Arquivo de Galicia ou o convite a un viño posterior. Porque diso se trata, de ofrecer un aperitivo cultural para as mañás dos sábados, a un tempo lúdico e enriquecedor.

 

 
Letras & Pensamento
 
 
00:00