Nexos convida... a Claudia Piñeiro

O ciclo de cultura contemporánea Nexos medra e ramifícase. A maiores do programa oficial e da sección infantil, presentamos agora unha nova actividade: Nexos convida..., para recibir visitas imprevistas, tomar un café de media tarde e conversar con figuras de recoñecido prestixio das letras, as artes e o pensamento. 

Con esta sección, Nexos quere responder con axilidade á presenza de persoeiros da cultura internacional de xira pola nosa contorna, para ofrecerlles un alto no camiño, un intre de repouso e un diálogo distendido. Acolléndoos no salón de casa e compartindo a merenda. Porque temos curiosidade por coñecelos e vontade de que nos coñezan.  

Programa

17:30 | Convite a café con pastas.

18:00 | Diálogo-Entrevista entre Claudia Piñeiro e Luis Pousa.

 

Claudia Piñeiro. Escritora arxentina, dramaturga, guionista de televisión e colaboradora en diferentes medios. Entre os seus libros destacan Las viudas de los jueves, do que vendeu centos de miles de exemplares e grazas ao que logrou o Premio Clarín de novela (2006) e Las grietas de Jara, que lle valeu o Premio Sor Juana Inés de la Cruz (2010). Con anterioridade foi finalista do Premio Planeta Argentina 2003 pola novela Tuya. A súa obra foi traducida a varias linguas e levada ao cine. Vén de recibir o Premio Rosalía de Castro 2014, que outorga o Centro Pen Galicia.

Luís Pousa. É matemático, escritor e xornalista. Xefe de Opinión de La Voz de Galicia, deambula entre o columnismo, os números transfinitos e a literatura fragmentaria. É autor de Breviario del bus (Rey Lear, 2013) e o selo Reino de Cordelia publica agora o seu poemario El ombligo del mar.