Esplendor e farsa da arte contemporánea

No terreo das artes, o século XX veu marcado pola irrupción das vangardas e a multiplicación de novas correntes e “ismos” (fauvismo, futurismo, cubismo, dadaísmo, construtivismo, surrealismo, expresionismo abstracto...). Varias xeracións de creadores enfrontáronse ás convencións estéticas da burguesía desde unha actitude provocadora, cando non abertamente estravagante. A súa influencia social non parou de medrar, mentres a percepción maioritaria dos públicos oscilaba entre o estrañamento e o estupor, entre a fascinación e as acusacións de fraude. Co tempo, parte desa transgresión foi asimilada pola publicidade comercial. Non son poucos os artistas que teñen cuestionado a arte contemporánea e a súa feira das vaidades. Así e todo, continúa a ser un fito histórico de esplendor creativo.

12:00 | Relatorio: Estrella de Diego. Escritora, ensaísta e catedrática de arte contemporánea na Universidade Complutense de Madrid. Ocupou a cátedra Rei Juan Carlos de Cultura Española na Universidade de Nova York. Foi comisaria de numerosas exposicións, entre outras na Bienal de São Paulo e na Bienal de Venecia. Autora dunha obra prolífica, foi galardoada en 2011 coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. É colaboradora habitual do diario El País.

13:00 | Concerto: Cuerpo Astral. Grupo de música electrónica e “regateen ilustrado” formado por Fur Alle Falle (Iñaki López e Vanesa Castro) e Lúa Gándara. Fusiona clásicos tradicionais da nosa música co máis actual de todas as demais, demostrando que tempo e espazo non existen. A través dos seus bailes frenéticos e místicos pódese entrever o espírito de case todo o que non se ve, como na arte.