As cidades imaxinadas

Todos lembramos o marabilloso libro As cidades invisibles de Italo Calvino, no que Marco Polo lle describe a Kublai Kan urbes fantasiosas que alzan ao ceo escaleiras de caracol incrustadas en caracolas mariñas. Porén, do que trata esta sesión non é tanto das formas literarias da cidade como da propia imaxinación dos arquitectos e urbanistas á hora de concibir os nosos espazos de relación e convivencia. Ao igual que o músico ao compor unha melodía ou o escritor ao debuxar a trama dunha novela, o arquitecto enfróntase a un proceso creativo onde non só concorren as ferramentas técnicas propias do seu saber senón tamén o seu proxecto político (de polis) e os seus anhelos, obsesións e horizontes utópicos. Nesta sesión espiremos a intimidade dun oficio que con frecuencia fica oculto ao gran público, e farémolo prestando especial atención á reinvención contemporánea de Santiago de Compostela.

12:00 | Diálogo: Xerardo Estévez & Manuel Gallego Jorreto. Xerardo Estévez é arquitecto e urbanista. Foi deputado polo PSdeG no Parlamento Galego e no Congreso, ademais de Alcalde de Santiago durante catro lexislaturas. Considerado o máximo artífice da Compostela actual, baixo o seu mandado a cidade foi recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e Premio Europeo de Urbanismo // Manuel Gallego Jorreto é arquitecto e foi profesor de urbanismo da ETSA da Coruña. Discípulo de Alejandro de la Sota, a súa obra é un referente da arquitectura racional na península. Entre outros galardóns, en 1997 recibiu o Premio Nacional de Arquitectura e en 2010 a Medalla de Ouro da Arquitectura. 

13:15 | Proxección audiovisual: Imaxinarios sonoros de Compostela. Estrea desta videocreación ideada expresamente para o ciclo Nexos, onde os músicos e artistas sonoros Nacho Muñoz e Mig Seoane realizan unha serie de micro-performances no espazo público utilizando as rúas de Compostela e o Gaiás coma un xigantesco instrumento musical.