Mocidade: Encontro da xuventude creativa e emprendedora Galicia- Norte de Portugal

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, coa colaboración dos socios do proxecto Lidera, pon en marcha Mocidade: Encontro da xuventude creativa e emprendedora Galicia – Norte de Portugal, un espazo de formación, creatividade, emprendemento, cultura e lecer que permitirá establecer sinerxías, compartir experiencias, proxectos e ideas, e impulsar á xuventude no seu desenvolvemento persoal e profesional.

O encontro ten como obxectivo promover e estimular a creatividade e o espírito emprendedor da mocidade galega e portuguesa a través dun espazo aberto á participación, ao tempo que fortalecerá os lazos de cooperación transfronteiriza Galicia – Norte de Portugal, especialmente en temas que melloren a empregabilidade da xuventude.

“Mocidade” promoverá o diálogo entre os participantes galegos e portugueses, pero tamén busca asentarse como un evento de referencia para os mozos e mozas grazas a unha programación multidisciplinar, moderna e á vangarda das novas correntes e sectores emerxentes.

A inscrición neste evento, totalmente gratuíto, dará acceso a todas as mesas redondas, charlas e dinámicas do evento, aos concertos musicais, así como ao aloxamento e manutención durante os tres días do encontro.

Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA), aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e que ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio.

  • Datas de realización: do 25 ao 27 de outubro de 2019.
  • Destinatarios: mozos e mozas galegas de entre 18 e 30 anos de idade.
  • Prazas ofertadas: 400.
  • Prazo de inscrición: do 30 de setembro ao 17 de outubro de 2019.
  • Inscrición: será a través de formulario electrónico.
  • Adxudicación: as prazas asignaranse por estrita orde de inscrición.


A confirmación da praza farase por correo electrónico no prazo de tres días tras realizar a inscrición. Unha vez confirmada a praza haberá un prazo de 48 horas para remitir por correo electrónico a fotocopia escaneada do DNI. Esta documentación debe enviarse ao enderezo de correo electrónico roteiros.ctb@xunta.es indicando no asunto o programa ao que está inscrito.

No caso de que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas ofertadas establecerase unha lista de reserva por orde de entrada e no suposto de baixas poderán ser adxudicadas as vacantes por dito orde.

Aviso: a ausencia de datos, que estes sexan erróneos, enviar mal a documentación ou non enviala ocasionará a baixa automática do encontro e as prazas quedarán dispoñibles para as persoas en lista de reserva.

Os/as participantes admitidos/as que por calquera motivo non poidan finalmente asistir ao encontro, deberán comunicalo á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a través dun correo electrónico (roteiros.ctb@xunta.es) cunha antelación mínima de catro días naturais á data de inicio do evento, co fin de poder asignar as prazas vacantes aos solicitantes da lista de reserva.

De non facelo así quedarán excluídos da participación en sucesivas edicións deste encontro e nos demais que poña en marcha a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Cobertura: aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple.

* Mozos/as do Concello de Santiago: manutención pero non aloxamento, salvo que queden prazas vacantes.

O aloxamento será nas instalacións do Monte do Gozo.

Transporte: haberá transporte ata o lugar de realización do encontro dende as cidades de Ferrol, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense.

O servizo de transporte realizarase:

- Venres, 25 de outubro, en horario de mañá, con previsión de chegada a Santiago de Compostela sobre as 13:30 - 14:00 horas.

- Domingo, 27 de outubro, en horario de tarde, con previsión de saída de Santiago de Compostela sobre as 16:00 horas.

A organización farase cargo do transporte das persoas participantes procedentes doutras localidades das sinaladas, sempre que haxa un mínimo de persoas inscritas.

Acreditación: o acceso a todas as actividades do encontro, tanto as desenvolvidas no interior como no exterior, así como ao servizo de manutención e/ou aloxamento, esixe que a persoa moza participante se acredite, como hora límite, ás  10:00 horas do sábado 26 de outubro de 2019. Deste xeito, o horario de acreditación abrirase o venres in situ no evento e finalizará o sábado ás 10:00 horas. De non presentarse neste horario e, salvo causa xustificada, a persoa quedará excluída das actividades programadas.

Programa do encontro

25 DE OUTUBRO

14:00 h. Chegada dos participantes.

15:00 h. Xantar.

16:15 h. Traslado ata a Cidade da Cultura.

17:00 h. Palabras de benvida.

17:05 h. Mesa redonda:” Emprendemento: da idea á realidade”.

  • Carolina Lodeiro Malde, de Wayna consultora.
  • Pablo Ríos, creador de Woutick.
  • Eva Soto Conde, deseñadora de moda premiada en Xuventude Crea.
  • Relator/a de Portugal.

*Moderadora: Cristina Pichel Toimil, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

18:45 h. Mesa redonda: “Claves para xerar futuro: actitude, aptitude e talento”.

  • Arkano, rapeiro freestyle.
  • Desirée Vila, deportista paralímpica.
  • Abelo Valis, artista multidisciplinar.

*Moderadora: Alba Mancebo, xornalista.

20:00 h. Mocidade Festival: música ao vivo.

  • Baiuca
  • Ortiga

22:15 h. Traslado ao Monte do Gozo.

22:30 h. Cea.

26 DE OUTUBRO

08:30 h. Almorzo.

09:30 h. Saída do Monte do Gozo.

10:00 h. Mesa redonda: “Novas profesións: as oportunidades na industria dos videoxogos”.

  • Fernando Prieto, Gato Salvaje Estudio.
  • Luz Castro, Ceo Imaxin.
  • Kiko Béjar, Ceo & Executive Production Manager en Benditos Videojuegos, profesor do ICEMD
  • Relator/a de Portugal.

*Moderadora: Marta Gómez, xornalista.

10:00 h. a 17.00 h. Graffiti en directo cos nove proxectos finalistas da especialidade de graffiti do programa Xuventude Crea 2019.

12:00 h. Charla: “Como funciona un equipo de e-Sports”.

  • Arnau Vidal e Jorge Bancells, de Team Heretics.

13:00 h. Showcooking.

  • Lucía Freitas, do restaurante “A Tafona”.
  • Cociñeiro/a de Portugal.

14:00 h. Xantar.

16:15 h. Charla: “Xuventude inquieta, xuventude creativa: superación, expresión e creatividade”.

  • El Langui, cantante e artista polifacético.
  • Simultaneamente graffiti en directo de Mon Devane, premiado en Xuventude Crea.

17:30 h. Anuncio dos proxectos gañadores da especialidade de graffiti do programa Xuventude Crea 2019.

17:45 h. Finais Xuventude Crea 2019

  • Actuación dos grupos finalistas da especialidade de música.
  • Proxección dos proxectos finalistas da especialidade de videocreación.

18:45 h. Mesa redonda: “Comunidade TECH”.

  • Lucía Míguez, Rysia.
  • Marta Verde, organizadora de Marker Faire.
  • Cora Novoa, DJ e compositora de música electrónica.

* Moderador: Rodrigo Vázquez, xornalista.

20:00 h. Mocidade Festival: música ao vivo.

  • Blanco Palamera
  • Triángulo de Amor Bizarro
  • Cora Novoa

* Cea: no transcurso do festival.

00:00 h. Traslado ao Monte do Gozo.

27 DE OUTUBRO

09:30 h. Almorzo

10:30 h. Saída do Monte do Gozo e realización do último tramo do Camiño de Santiago ata a Praza do Obradoiro.

11:30 h. Percorrido pola zona monumental de Santiago de Compostela.

12:15 h. Saída cara a Cidade da Cultura.

13:00 h. Actuación musical de peche de “Mocidade”

  • Presumido
  • The Sunflowers

14:30 h. Saída cara o Monte do Gozo.

15:30 h. Xantar.

16:00 h. Finalización do encontro.

 

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS


ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

1) Punto de recollida de currículos

Durante o encontro, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, como socio do proxecto Lidera, habilitará un punto de recollida de currículos dos mozos e mozas asistentes aos efectos de facelos chegar ás empresas socias da Cámara. Así mesmo, tamén ofrecerá información e asesoramento en materia de emprego.

2) Exhibición de e-Sports

O encontro ofrecerá o venres e o sábado unha zona para a exhibición de e-Sports, na que poderán participar os mozos e mozas participantes.

PROXECTO LIDERA

O proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA) foi aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros cun financiamento dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

Este encontro forma parte da actividade “Emprende” dirixida a aquelas iniciativas, ideas, entidades que desexen iniciar unha nova liña de negocio, que conten cun grao de madurez suficiente co obxectivo de apoialas, afianzalas e acompañalas durante a súa posta en marcha. Neste encontro os mozos e mozas poderán coñecer e intercambiar experiencias con outras persoas mozos , tanto do propio territorio do proxecto como doutros territorios transfronteirizos.

Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.