Mes da Ciencia en Galego na Biblioteca de Galicia 2025

Novembro vén cargado de actividades! A Biblioteca de Galicia celebra o mes da ciencia con varios obradoiros destinados a público infantil e adulto. 

Domingo Fontán. O primeiro rostro de Galicia | 7 Nov | Inscríbete

Como se fixo o primeiro mapa científico de Galicia? Quen foi Domingo Fontán e por que dedicou 17 anos da súa vida a medila metro a metro? A través do documental Fontán. O primeiro rostro de Galicia, e das explicacións de tres expertos, descubriremos a vida e o legado deste matemático, xeógrafo e pioneiro que fixo historia coa súa precisión e paixón pola terra.

  • Destinado a público adulto. Inscricións aquí. 

E ti de quen ves sendo? Aprende a identificar madeiras xogando | 8 Nov | Inscríbete

Como se pode saber que plantas usaban as persoas hai milleiros de anos? Que segredos agochan os aneis dunha árbore? A cativada converterase en investigadora do Laboratorio do INCIPIT (CSIC), observando con lupa restos de madeira e xogando con imaxes ampliadas para descubrir como esta ciencia axuda a coñecer o pasado.

  • De 8 a 12 anos. Inscricións aquí.

Mago, científico... por que non as dúas á vez? | 15 Nov | Inscríbete

 

Pode un obradoiro ser tamén un espectáculo de maxia? E pódese ser mago e científico ao mesmo tempo? A cativada descubrirá cos expertos e expertas do CSIC como a ciencia e a maxia se dan a man nunha sesión chea de xogos e experimentos sorprendentes, onde aprenderán os trucos que logo poderán amosar na casa e no cole.

 
  •  De 8 a 12 anos. Inscricións aquí.

 

Caderno botánico | 21 Nov | Inscríbete

 

Como se pode mirar a natureza con ollos de artista? Neste obradoiro de ilustración botánica, poderás descubrir o mundo das plantas e aprenderás a debuxar e pintar follas con acuarelas, ao estilo dos exploradores naturalistas. Un achegamento creativo e divertido á natureza, no que non fai falta experiencia previa, só curiosidade e ganas de gozar.

 

Descubre cantos microplásticos hai no mar| 29 Nov | Inscríbete

 

Sabes que pasa co lixo que chega ao mar? Neste obradoiro, a cativada coñecerá o traballo científico do Centro Oceanográfico de Vigo sobre o impacto do lixo mariño e aprenderá que son os macro e microplásticos, como afectan aos ecosistemas e tamén á saúde das persoas. A través de material visual e exemplos reais, descubrirán como se recollen e analizan os restos mariños que ameazan a biodiversidade.