O martes 4 de decembro, ás 17:00 horas, terá lugar na Cidade da Cultura unha masterclass e 'pitching' para proxectos audiovisuais, impartido por Peter Andermatt, director da Oficina MEDIA España.
Organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a formación está dirixida a todos os creadores e creadoras do sector audiovisual, e serve como actividade preparatoria do Conecta Plus, o foro de encontros entre produtores e directores/guionistas promovido pola Asociación de Directores Realizadores de Galicia CREA, en colaboración coa Asociación Sindical Galega de Guionistas e coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), e co apoio da Agadic e da Fundación SGAE. A cuarta edición do Conecta Plus terá lugar o 15 de decembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e contará coa presenza de produtores de dentro e fóra de Galicia.
Xunto coa devandita clase maxistral, a Agadic ofrece así mesmo titorías personalizadas con Peter Andermatt para os proxectos adxudicatarios das axudas ao guión nas últimas convocatorias de subvencións á promoción do talento audiovisual galego, co obxetivo de dotar de ferramentas os creadores para presentar publicamente os seus traballos.




















