A inauguración, de Joel Blanco | Intervención gañadora EAN12

Concibida como unha reflexión sobre a inmobilidade temporal do capitalismo contemporáneo, A inauguración, de Joel Blanco, explora a noción de presente perpetuo: un ciclo interminable onde o pasado se resiste a esvaecerse e o futuro semella esquivo. Esta intervención artística convida a cuestionar a nosa cultura consumista e as conexións subxacentes entre mercado, capitalismo e materia prima.

A inauguración é unha metáfora performativa do estancamento: a música nunca cesa, os petiscos póñense resesos e o tempo paralízase. O escenario é sempre familiar: as persoas visitantes chegan, perciben unha festa xa en marcha e senten que chegaron tarde, pero a realidade é que A inauguración nunca remata de inaugurarse.

Esta acción, que é en si unha peza artística, escenifícase como unha celebración onde quen asiste é parte integral dela. Os restos do acto social, a disposición dos obxectos e a memoria colectiva dotan ao espazo de vida. A modo de experiencia inmersiva, o público mergúllase nunha velada en aparente abandono onde as pezas de Los Bravú, Lúa Gándara, Francisco Ramallo, Miguel Scheroff e Francesc Rosselló evidencian a idea de temporalidade suspendida.

A intervención artística arrancou ademais cunha performance conducida por Sara Gema Domínguez Castillo e Eléonore Ozanne, exercendo como anfitrioas, mentres que El Andrés elaborou unha atmosfera musical que continúa a soar na instalación, en forma de bucle infinito.

Como sinalou Fredric Jameson, o pastiche e a apropiación —que son propios da estética posmoderna— fixeron que o pensamento contemporáneo se atope nun ciclo constante de repetición e reciclaxe auto-referencial. Do mesmo xeito que a cultura actual se alimenta constantemente de si mesma, A inauguración ignora o que xace no exterior e pospón o seu inevitable desenlace.

X Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk

O proxecto foi escollido como gañador do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os e as creadoras participantes no XII Encontro de Artistas Novos, EAN12. O proxecto combina artes plásticas cun marcado carácter performativo, convertindo as Hejduk nun espazo expositivo e autorreferencial onde unha intervención artística se inaugura nun ciclo continuo e repetitivo.

Unha fonda crítica ás convencións sociais e a un pasado que se resiste a desaparecer para deixar espazo ao novo; un convite á reflexión sobre a decadencia da sociedade capitalista. Son os eixos que sustentan A inauguración, que nos presenta ademais un feixe de referencias á cultura popular urbana propia da xeración Z.

A proposta foi escollida como vencedora entre os nove proxectos presentados, dous deles de candidaturas colectivas, e o xurado do certame valorou, entre outros aspectos, a faceta inclusiva da intervención de Joel Blanco, integrando a participación e a obra de outros artistas.

Joel Blanco

Artista visual cunha sólida formación, Joel Blanco (A Coruña, 1991) é un estudante de filosofía e deseñador que se define a si mesmo como "membro inactivo da xeración Pokémon e experto en comida lixo". A cultura popular ten unha fonda pegada no seu traballo, que abrangue desde as artes plásticas ata o deseño e a investigación. A crítica e a filosofía son ferramentas esenciais no seu proceso creativo.

Tras graduarse na Design Academy de Eindhoven en 2017, Joel acumulou múltiples recoñecementos, entre eles o Neo2 Designers Awards 2020 e o destacado Best of España —34 talentos do deseño e da arte de AD 2022—. Como deseñador de produto e investigador de tendencias, especializado en estratexia, deseño especulativo e deseño-ficción, foi recoñecido pola revista Forbes como un dos 40 futuristas máis destacados de España en 2022.

.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h