XII Encontro de Artistas Novos: #EAN12

O Gaiás converterase por duodécimo ano consecutivo nun espazo de encontro no que creadores e creadoras emerxentes terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea durante catro días de convivencia e intercambio de coñecementos e ideas con outros axentes culturais. Será no XII Encontro de Artistas Novos, #EAN12, que se celebrará do 28 de agosto ao 1 de setembro de 2022, coordinado unha edición máis por Rafael Doctor.

Encontro de Artistas Novos busca favorecer a convivencia entre artistas emerxentes de Galicia e procedentes doutros lugares, ademais permitirlles entrar en contacto con creadores e creadoras de recoñecida traxectoria, e tamén con axentes do sector de eidos como a crítica e o comisariado, que participan no encontro como art followers. Como cada ano, o EAN traerá ao Gaiás a destacados nomes do panorama actual da arte contemporánea, como Tono Arias, Beatriz Lobo, Miguel Scheroff e Ana Esmith (Miss Beige), que compartirán nesta edición as súas experiencias e reflexións ao redor da arte.

Artistas

Ana Esmith (Miss Beige) | Madrid, 1976 

Con formación en comunicación e arte dramática, reside en Londres durante máis de 15 anos desenvolvendo unha carreira centrada na creación de pezas propias para a escena londinense e traballando como directora de montaxes e actriz. En 2016 crea o proxecto Miss Beige, co que empeza a explorar o eido da performance ante o entusiasmo da crítica e o público. Desde entón, Miss Beige suma xa oito instalacións performáticas, varias exposicións monográficas e ata un espectáculo de performance e danza xunto ao premio nacional Chevi Muraday.

 

Tono Arias | Ducí - Allariz (Ourense), 1965  

Fotógrafo de prensa e documental con ampla experiencia en diversos periódicos e revistas, traxectoria á que se suma a súa experiencia en fotografía industrial, publicitaria, de moda, arquitectónica, ou editorial. Impulsor do proxecto Dispara un espazo web e físico con vocación periférica sito na Estrada, Pontevedra, destinado a servir de punto de encontro entre autores e artellado como espazo expositivo, librería especializada en  Fotolibros, editora, centro de impresión dixital e produción de exposicións. Forma parte da asociación profesional A Colectiva

Beatriz Lobo | Madrid, 1975

Artista visual especializada en pintura, escultora e serigrafía, realiza a súa primeira exposición individual en 2013 en Berlín (Sexy Violence, Galería  Bootsbau). Actualmente reside en Madrid, onde participa en diferentes proxectos con institucións como La Casa Encendida, traballa como deseñadora de portadas para selos musicais e editoriais literarias, e colabora en proxectos radiofónicos e de artes vivas, así como no equipo de arte de producións cinematográficas. Participou en exposicións colectivas en Madrid, Berlín, Portugal e varias cidades galegas.

Miguel Scheroff | Navas de Tolosa (Jaén), 1988

O seu traballo procura na pintura e a instalación un modo de reflexionar sobre os conflitos universais e as súas consecuencias, afondando en temas como a angustia vital ou o desencanto, e servíndose nas súas últimas series pictóricas de escenas de grandes mestres/as da pintura clásica e de iconas pop da cultura millennial. Ten exposto en lugares como os Estados Unidos, Suíza, Alemaña, China, Italia, Marrocos ou México e participado en feiras nacionais como JustMad, Marte, Hybrid Art Fair, Art Madrid, Estampa, Ikas Art ou Art Jaén, entre outras.

Ademais, este ano como novidade o EAN incorpora como convidado especial a Rubén D. Alves, quen compaxina o seu labor docente en diferentes universidades nacionais e internacionais co seu amor pola arte. Esta paixón levouno a crear a conta de Instagram @beninmadrid, como plataforma de promoción e divulgación do que acontece na escena artística. A partir da súa experiencia no desenvolvemento de competencias comunicativas tratará cuestións como a presenza da arte emerxente nas plataformas sociais e as súas posibilidades e limitacións para comunicar os conceptos, sentimentos ou reaccións que desexa o ou a artista. 

O artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña; a comisaria independente Nerea Ubieto; e  o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola participarán tamén no encontro como observadores ou art followers, compartindo cos participantes a súa experiencia no apoio a novos talentos desde o eido curatorial ou xornalístico. 

Como participar

O XII Encontro de Artistas Novos conta cun total de corenta prazas ás que poden optar profesionais que nacesen entre 1987 e 2004 –ambos inclusive–, ben sexan estudantes e/ou graduados/as en Belas Artes ou afíns, ben demostren unha traxectoria ou proxecto artístico. Seguindo a senda iniciada no V EAN, dez das 40 prazas dispoñibles están abertas a artistas maiores de 35 anos, que deben reunir os mesmos requisitos que as demais persoas candidatas. Con esta proposta, o EAN procura formular un diálogo entre artistas de distintas xeracións nun proceso creativo aberto.

A consecución dunha praza no #EAN12 inclúe matrícula, estancia en réxime de pensión completa e transportes diarios desde Santiago ata a Cidade da Cultura. As persoas interesadas deben enviar a documentación requirida nas bases de participación ao enderezo electrónico encontro@ cidadedacultura.org antes das 15:00 horas do venres 29 de abril de 2022. A documentación, así como calquera consulta sobre o procedemento, debe tamén remitirse ao mesmo enderezo electrónico. Consulta no apartado de descargas desta páxina as bases de participación e o boletín de inscrición.