O grupo de investigación Ictus Traslacional TREAT e o club deportivo Aromon Pontevedra organizan a II Carreira de Orientación Solidaria polo Ictus, coa que chaman a colaborar con Dano Cerebral Galicia. A cita é o domingo 12 de outubro na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. A saída está fixada para as 10:30 h.
A proba deportiva é totalmente aberta a persoas con ou sen experiencia, de calquera idade —nenas e nenos incluídos—, e pódese participar en equipos. Conta con 250 prazas dispoñibles.
A inscrición é de balde, mais a organización chama realizar unha doazón a Dano Cerebral Galicia, a través do formulario online de doazón ou do bizum 09280. O prazo de inscrición finaliza ás 00:00 h do domingo 28 de setembro, ou antes se se completan as 250 prazas. Pode tramitarse nesta ligazón da web da Federación Galega de Orientación (FEGADO).
























