A Gladiator Race regresa á Cidade da Cultura de Galicia o vindeiro 13 de setembro, despois do gran éxito da súa última edición en Pontevedra, onde se rozaron os 2.000 participantes e se esgotaron as inscricións nun tempo récord. Nesta nova convocatoria, o complexo do Gaiás volverá converterse nun campo de probas no que a superación persoal, a resistencia e a emoción serán as protagonistas dunha xornada que vai máis alá do deporte.
A proba propón un percorrido de máis de 6 quilómetros con máis de 30 obstáculos, deseñados para poñer a proba tanto a capacidade física como mental das persoas participantes. Ademais, incluirase novamente a modalidade Gladiator Kids, unha versión adaptada para nenos e nenas que ofrece unha experiencia segura e divertida nun entorno familiar.
A dimensión solidaria do evento tamén se mantén nesta edición. Parte do importe das inscricións destinarase á asociación Art For Dent, e habilitarase unha fila 0 para aquelas persoas que desexen colaborar economicamente sen participar directamente na carreira.
























