GaliciaTIC, o foro de referencia para o sector tecnolóxico galego organizado por INEO, celebrará a súa vixésima edición entre o mércores 19 e o xoves 20 na Cidade da Cultura. Baixo o lema Crecemento, dixitalización e eficiencia, o evento conmemorará 20 anos de traxectoria con dous obxectivos claros. En primeiro lugar, abordar e analizar o contexto xeral do proceso de dixitalización, tanto no ámbito galego como internacional, tras a súa aceleración global pola pandemia e fronte aos retos do futuro inmediato derivados da inestabilidade política e o cambio climático. En segundo lugar, GaliciaTIC terá como meta poñer en contacto directo o talento novo, o sistema educativo e o sector tecnolóxico para crear lazos de futuro e fomentar o emprego.
Para todo iso, GaliciaTIC celebrará na súa vixésima edición un completo programa de conferencias, mesas redondas e seminarios que, como gran novidade, incluirá unha feira de emprego na que participarán máis de 150 alumnos e alumnas de ciclos tecnolóxicos de centros galegos de Formación Profesional procedentes de Lugo, A Coruña e Vigo. Deste xeito, GaliciaTIC fomentará un ano máis a indispensable relación das tres institucións que conforman a chamada “tripla hélice da innovación”: administración, formación académica e empresa.
Neste 2022, tras dous anos de restricións pola crise sanitaria, recuperarase a presencialidade de todas as actividades, aínda que se manteña o streaming en diferentes actos do programa. Con todo, para asistir ou ter acceso en directo ás emisións, é imprescindible inscribirse a través da páxina web de GaliciaTIC: https://www.galiciatic.com/inscripcion
Programa
O programa comezará o mércores ás 09.30 h. de forma presencial co debate inaugural que versará sobre a situación actual do proceso de dixitalización, nun contexto no que se suceden os fenómenos disruptivos: a pandemia, efectos do cambio climático, inestabilidade política ou a crise enerxética. Nesta análise, participarán Carlos Suárez Rey, director de Edisa; Fernando Vázquez Núñez, director xeral de Imatia; Luís Álvarez Sestelo, presidente da Asociación de Empresas de Tecnología de Galicia (INEO) e Julián Cerviño Iglesia, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Moderará Miguel Merino, director de GaliciaTIC.
A xornada continuará ás 10.00 h. da man de Francisco De Los Santos, executive partner na consultora tecnolóxica internacional Gartner. De Los Santos ofrecerá un relatorio maxistral titulado “Transformación dixital e datos: tendencias e criterios de éxito”. A partir da inauguración, o programa transcorrerá tanto o mércores como o xoves con mesas temáticas e con conferencias sobre asuntos tan variados como a intelixencia artificial no seo das empresas, a colaboración público-privada na dixitalización, a ciberseguridade no sector da alimentación, a capacitación TIC en Galicia ou a integración da cadea de valor no sector da moda.
Clústeres e recoñecemento
GaliciaTIC despedirá a súa vixésima edición con dous actos finais. O primeiro deles consistirá nunha mesa profesional moderada por Norberto Penedo, director da área de Competitividade do IGAPE, na que se analizará o papel das agrupacións industriais no ámbito tecnolóxico. O segundo será o acto de clausura que contará coa presenza do vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e que servirá para render un recoñecemento a todas as entidades, empresas e administracións que fixeron posible, coa súa colaboración e entrega, que GaliciaTIC leve vinte anos de traxectoria.
























