Dentro do seu programa formativo Galicia ProFilme, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza o ciclo Parladoiros audiovisuais, co obxectivo de poñer en contacto a estudantes e profesionais do sector audiovisual galego con expertos de referencia, tanto estatal como internacional, en diferentes ámbitos desta industria.
O ciclo inaugúrase cunha charla-master class de José Antonio Félez, produtor de filmes como La Isla Mínima, Gordos ou El Bola, entre moitos outros. Recentemente vén de producir para Movistar a serie La Peste, baixo a dirección de Alberto Rodríguez, como notable exemplo da confluencia do cinema de calidade coa nova ficción para televisión. Amais diso, Félez ten desenvolvido unha ampla actividade asociativa no sector.
Neste parladoiro inaugural, programado ás 12,00 h. na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia, José Antonio Félez compartirá cos asistentes a súa experiencia á fronte de grandes producións audiovisuais. O convidado será presentado polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e a charla será conducida e moderada polo produtor, director, escritor e músico Antón Reixa.
























