O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participarán no encontro dos proxectos recibidos no marco do Foro dos Proxectos Culturais e Fondos Europeos en Galicia. No auditorio 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, puxo en marcha o Foro Proxectos culturais e fondos europeos en Galicia coa finalidade de ampliar o conxunto de proxectos estratéxicos que Galicia estea en disposición de desenvolver no ámbito da cultura e que poidan optar a recibir financiamento de fondos europeos.
Para que todas as entidades e persoas interesadas puidesen achegar as súas propostas, abriuse un prazo de consulta pública para o envío de propostas, liñas de actuación ou proxectos concretos para a súa valoración de cara á súa inclusión no documento final resultado do Foro.
























