O 8 de xullo volven os faladoiros dixitais organizados polo CPEIG co apoio da Amtega. A campaña 1 mes, 1 profesión dixital arrincou a súa segunda edición tratando temas coma o Big Data.
Nesta ocasión o encontro analizará a creatividade dixital dentro da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital, e terá lugar no Edificio Cinc da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, de 09.45H. a 14.00H. O obxectivo xeral é crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego.
A benvida institucional correrá a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Logo do inicio do acto intervirá Juan Corro, director académico de U-Tad, centro universitario referente na formación de futuros líderes do mundo dixital, quen se encargará de disertar sobre a “Formación e emprego na revolución dos contidos”. Tralo descanso, Manuel Meijide, director de ILUX Visual Technologies e experto no deseño e desenvolvemento de proxectos integrais no eido das “smart cities”, abordará a charla “Mundos dixitais e novos media”. O último relator da xornada será Roberto Romero, fundador de Future Lighthouse e desenvolvedor de realidade virtual, quen falará de “Realidade virtual, novos horizontes”. O “Faladoiro dixital arredor da creatividade dixital”, pecharase cunha mesa redonda aberta ás preguntas dos asistentes.
























