A Cidade da Cultura de Galicia fai entrega o vindeiro 19 de outubro dos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, que neste 2015 celebrou a súa terceira edición.
O xurado desta terceira edición decidiu outorgar o galardón na área de aplicacións informáticas relacionadas co sector cultural e proxectos culturais en internet a Nuevos Mozarts_Conetcam, unha plataforma de consumo colaborativo para equipos e servizos audiovisuais. Na área de deseño e creación artística e plástica no ámbito cultural, o premio ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’ recaeu na en Cucuducho, de Lois Guillán Santamaría, unha liña de produtos infantís (mobiliario, obxectos decorativos, lámpadas, xoguetes) vinculados ao deseño e con influencia na rexión onde se leva a cabo a actividade.Finalmente, na área de xestión cultural, o premio foi para Kolectiv, unha consultoría especializada na innovación e a cultura que busca conectar ideas, persoas e coñecementos.
Os tres incorporaranse de forma gratuíta e durante un ano ao Centro de Emprendemento do Gaiás e recibirán asesoramento e formación para fortalecer e/ou poñer en marcha a súa empresa. Ademais, recibirán un premio en metálico de 2.000 euros.
Xunto aos emprendedores responsables dos proxectos gañadores, o acto contará coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e representantes de Sabadell Gallego BStartup e Correos, patrocinadores desta terceira edición dos Emprende Gaiás-Sixto Seco.
























