A distancia da imaxe (EAN9) | Xacobeo 2021

A distancia da imaxe transforma as Torres Hejduk da Cidade da Cultura nun depósito de imaxes, pegadas e memorias do Camiño de Santiago, a través dun rexistro fotográfico e sonoro que convida a reflexionar sobre as miradas e os relatos da experiencia do Camiño. Esta proposta creativa do Colectivo Cantz –formado polos artistas visuais Felipe Romero, de Colombia, e Marius Ionut  Scarlat, de Romanía– resultou gañadora do VII Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os e as participantes do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura (EAN) 2019. O certame está enmarcado na programación do Xacobeo 2021 –tendo como eixo os camiños xacobeos– e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell.

A intervención propón sumar ás pegadas que o Camiño de Santiago deixa no territorio e nos peregrinos –desde o relato oficial nas enciclopedias e guías de viaxe ata as marcas no propio corpo– un novo tipo de evidencia: un depósito de imaxes que despraza e amplía a idea dun relato hexemónico do Camiño. A distancia da imaxe constrúe este rexistro a través de tres eixos: a experiencia dos artistas durante o Camiño –recollida nun fotolibro–, unha recolección de imaxes icónicas do Camiño, e unha serie de entrevistas realizadas na praza do Obradoiro.

Con este depósito sonoro e visual, os peregrinos e peregrinas ven prolongada a experiencia do Camiño máis aló da súa chegada á meta, deixando a súa pegada neste espazo expositivo non convencional. As Torres Hejduk, situadas no cume da aba oeste do monte Gaiás –a cal está precisamente bordeada pola Vía da Prata á súa chegada a Compostela– amplían así, a través da imaxe fotográfica e o rexistro sonoro, a experiencia do Camiño de Santiago.

Colectivo Cantz

Felipe Romero Beltrán (1992, Colombia) é fotógrafo e artista visual. Desenvolveu proxectos artísticos en países como Colombia, Arxentina, Israel e España. Actualmente, investiga arredor da imaxe fotográfica e as tensións no territorio. Foi premiado en certames como ArteCámara ARTBO 2019, Encontros da Imagem Discovery Award 2019, Tabacalera Cantera 2019, Photoespaña 2019, New York Times Call 2019, Sony Photography Awards, Canon Student program, Visa pour l’image, Burn Magazine Magnum Foundation, Luca Dolega París, ou World Nomads Japón.

Marius Ionut Scarlat (1993, Romanía) está graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Alcalá, pero comezou a súa carreira como fotógrafo tras rematar o Máster en Fotografía artística na Escola TAI. Desenvolveu o seu traballo fotográfico en países como Romanía –de onde é orixinario–, España, Reino Unido ou Italia. Participou en concursos nacionais e internacionais como PhotoEspaña, Magnum Foundation, Tabacalera, La Máquina, World Nomads, Visa pour l’image ou Matera European Photography.
 
Exposicións
 
22 XUL 2020 - 10 XAN 2021
De 10 a 20 horas
2 OUT 2020 - 17 XAN 2021
De martes a domingo | De 10 a 20 h
6 NOV - 4 ABR
De 10 a 20 horas
Novembro 2020 - Maio 2021
De 9 a 21 horas
De martes a domingo
17 HORAS
17 OUT - 21 DEC
De luns a domingo | De 10 a 20 horas