Esta acción formativa, de 3 horas de duración, está destinada a persoas emprendedoras, tanto do Centro de Emprendemento do Gaiás como externas, interesadas na xestión e produción cultural. O obxectivo é que con este curso poidan coñecer ferramentas e metodoloxías de traballo para a xestión loxística, organizativa e técnica de eventos culturais e a súa vertente artística; así como aprender a dirixir e coordinar todos os aspectos que interveñen na organización integral de eventos do sector cultural e creativo.
Deste xeito o curso está orientado a formar aos asistentes, dun xeito eminentemente práctico, na concepción, presentación, execución e balance de proxectos do sector cultural. Incentivarase o debate entre o alumnado invitándoo a presentar as súas propias propostas e evaluando conxuntamente o desenvolvemento completo das mesmas.
O curso estará impartido por Carolina Martínez, xestora cultural, comisaria de exposicións e profesional da fotografía con múltiples traballos no sector desde os trece anos e socia fundadora do Grupo Bazán-Sección Fotografía. Foi seleccionada en 2012 para o II Encontro de Artistas Novos organizado na Cidade da Cultura e para Novos, visitando de portafolios organizado por PhotoEspaña no Agora de Coruña.
Durante 3 anos traballou como xestora cultural na Asociación Cultural Lumen e foi tamén xestora cultural, comisaria e community manager en Outono Fotográfico. Durante os últimos 5 anos, foi a encargada da dirección e creación de contidos dixitais en www.fotografiayotrosdolores.com, traballando actualmente na xestión, promoción e lanzamento do proxecto "Sofar Sounds Coruña".
- Planificación de actividades en eventos culturais e creativos. Planificación de actividades e temporalización. Definición de procesos estratéxicos, clave e de apoio. Análise e identificación de equipamentos e espazos escénicos necesarios. Xestión global do evento cultural. Balance organizativo e económico.
- Análise de produtos culturais en función do seu público obxectivo. Definición de obxectivos, contidos e planificación de actividades de produción e promoción. Deseño do proxecto, elaboración do orzamento e búsqueda de sponsors e financiación.
- Estratexias de produción, interación coa parte artística. Definición de recursos necesarios, elementos técnicos e materiais, loxística e montaxe, planillas prácticas, recursos humanos e esquema xerárquico de funcións.
- Tecnoloxías para a comunicación de eventos culturais e creativos. Ferramentas para a difusión e comunicación de eventos culturais. Community management.
























