O Campus Innova da Universidade da Coruña, en colaboración coa Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (CISPAC), organiza a xornada CULTURA DIXITAL: capacidades, retos e oportunidades no Sistema Ciencia-Tecnoloxía de Galicia que terá lugar o venres 22 de abril de 2022, no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
A xornada ten por obxecto a posta en común das diferentes capacidades dos grupos de investigación do Sistema de Ciencia e Tecnoloxía galego no eido da transición dixital na cultura e o patrimonio, así como a identificación dos retos e oportunidades aos que facer fronte.
O evento contará na súa conferencia inaugural con Sander Münster, profesor de Humanidades Dixitais na Universidade Friedrich Schiller de Jena (Alemaña). Durante a súa presentación, falará sobre as perspectivas dos seus proxectos de investigación e afondará sobre as tendencias e desafíos actuais do emprego das tecnoloxías 3D para a investigación e a educación en humanidades.

A continuación, a axenda inclúe a participación de diversos investigadores do CSIC, CESGA e das tres universidades galegas que presentarán os seus proxectos de investigación relacionados coa cultura dixital.
O evento finalizarás ás 15:00 h tras uns petiscos networking, xa que o encontro ten unha forte compoñente de relación e coñecemento mutuo tanto no eido do Sistema de Ciencia e Tecnoloxía galego, como co sector produtivo galego. Así, asistirán tamén destacados representantes dos clúster TIC, Audiovisual e de Turismo de xeito que poida dar lugar a formulación de propostas público-privadas.




















