Obradoiros de robótica dirixidos a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos, cos que a través do Plan Digitalent se quere potenciar a creatividade nos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habelencias coma o traballo en equipo ou a oratoria.
Desta volta o proxecto é a programación e construción dunha cidade: un coche con plastilina condutiva (con luz propia), un semáforo programado ou unha barreira de acceso son algunhas das cousas que poderán artellar nestes obradoiros de dúas horas de duración onde teñen cabida ata un máximo de 30 rapaces e rapazas. A través dunha experiencia divertida, os cativos son quen de coller máis seguridade en si mesmos e de lle dar saída ao seu talento. Aí están, ademais, os valores do emprendemento e o miolo dos chamados “conceptos STEAM”: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas.
























