"Corpos que escriben, mentes que accionan" é o título do laboratorio/taller de creación con Teatro En Vilo que organiza na Cidade da Cultura a Asociación de Actores e Actrices de Galicia o 9 e 10 de xuño.
Este obradoiro quere ser un marco de aprendizaxe, adestramento e investigación para todos aqueles que desexen enfrontarse ao reto de crear o seu propio traballo, facendo especial fincapé na acción e o movemento como ferramentas fundamentais nos procesos de creación do/a actor/actriz.
A formación porá a disposición dos participantes unha ampla gama de recursos físicos, coreográficos, dramatúrxicos e de improvisación que contribuirán a desenvolver o potencial creador de cada un, así como a articular unha visión artística e unha linguaxe escénica propia; todo iso nun contexto único de colaboración e encontro con outros/as creadores/as.
Aprofundarase na importancia do corpo e o movemento como fonte da imaxinación do actor/actriz creador/a e aprenderemos a organizar a información no espazo e no texto dentro dun marco de xogo, liberdade e colaboración.
Teatro En Vilo é unha compañía internacional de teatro afincada en Madrid e fundada en Londres en 2012. Teatro En Vilo funciona como un colectivo itinerante que serve como plataforma para colaboracións internacionais e interdisciplinarias entre creadores/as de escena, artistas e investigadores/as provenientes de países de todo o mundo.
























