Conversas na balea: Videopodcast do Gaiás

Conversas na balea é o novo espazo de faladoiros co que o Gaiás arranca a emisión dos seus videopodcasts, unha nova fiestra virtual na que darlle voz a profesionais das artes e da cultura de diferentes eidos e achegarse a temáticas moi variadas nun formato distendido, coa actriz, creadora escénica e comunicadora Diana Sieira no temón do programa.

Precisamente na semana na que se conmemora o Día Internacional da Muller, lanzamos o primeiro capítulo deste novo espazo, achegámonos ao ámbito da promoción e produción musical desde a óptica de dúas mulleres, profesionais de peso no sector. Trátase de Raquel Seijo, codirectora de Sweet Nocturna e responsable de traer a Galicia a artistas da talla de Lenny Kravitz, Björk ou Shakira, e Andrea González, cunha consolidada traxectoria como pianista e xestora musical, directora do festival internacional IKFEM (International Keyboard Festival & Masterclass) na eurocidade Tui-Valença e elixida en 2019 como unha das 100 Mulleres Líderes de España. Se queres sumarte á conversa, podes atoparnos en plataformas como YoutubeSpotify ou Ivoox.

Diana Sieira, condutora das Conversas na balea

Diana Sieira é actriz e creadora escénica, diplomada en Interpretación e técnico superior de Produción. Comezou a súa carreira como actriz en 2005, percorrendo os escenarios galegos en solitario e con compañías como Carfax Teatro, Coro da Rá, Manicómicos, Niñas de la Risa ou Paso de Valverde. Creadora polifacética, entre 2012 e 2020 dirixiu e presentou unha sección de circo para o Luar da TVG. No eido audiovisual participou tamén en series galegas como Matalobos ou Urxencia Cero, documentais, publicidade, curtametraxes, videoclips… e traballou como locutora de radio (en emisoras como Cuac FM) e actriz de dobraxe.

Ten exercido de produtora en filmes, series, galas, festivais, concertos e eventos por toda Galicia e tamén podemos atopala habitualmente en eventos culturais ou institucionais, sexa como presentadora, actriz, cómica ou mestra de cerimonias. En 2020 xermolou tamén un proxecto teatral propio: The Witch, un espectáculo ritual.

 

 

Raquel Seijo | Promotora musical. Codirectora de Sweet Nocturna

Raquel Seijo é codirectora de Sweet Nocturna, unha das principais promotoras musicais da Comunidade, e responsable de traer a Galicia a artistas do renome de Björk, Lennny Kravitz, Shakira, Muse, Tom Jones, Artic Monkeys, Ringo Starr ou Lauryn Hill. Tamén de grandes espectáculos como os do Cirque du Soleil.

Xornalista de formación, é unha das poucas mulleres en España que exerce como promotora musical. Comezou a súa carreira como empresaria co concerto de despedida da gira Zapatillas, de El Canto del Loco. Desde entón, acumula máis de 15 anos de experiencia na organización de grandes eventos musicais.

É tamén unha das impulsoras da AGEM, Asociación Galega de Empresas Musicais, e presidiu entre 2020 e 2022 o colectivo Festivais de Galicia, asociación de agrupa o Sinsal, Ribeira Sacra, Sonrías Baixas, Barbeira Season Fest, Festival de la Luz, Vive Nigrán, Revenidas, WOS e Underfest.

 

 

Andrea González | Pianista, xestora musical e directora do Festival IKFEM

Elixida entre as Top 100 Mulleres Líderes de España 2019 e Premio Nélida Piñón en Cultura pola Federación pola lgualdade da Provincia de Pontevedra 2022. É directora e fundadora do International Keyboard Festival & Masterclass da Eurocidade Tui-Valença, vicepresidenta de Juventudes Musicales de España e docente de Xestión e Produción de Música e Artes Escénicas no Conservatorio Superior de Vigo. Conta con numerosos premios nacionais e internacionais como pianista e actuou en lugares como a Australian National University, o Teatro Nacional de Cuba ou o Milton Court del Barbican Center de Londres.

En 2022 lanzará o álbum Salvado Piano Works baixo a licencia de Warner Music e a colaboración de Agatha Ruiz de la Prada. Noutros dos seus proxectos teñen colaborado artistas como Ainhoa Arteta, Leonor Bonilla, ou Rosendo Mercado.