O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidirá a xornada sobre os contratos programa Un plan para cada centro.
Os centros docentes, para lograr a equidade e a excelencia na educación, deben desenvolver as capacidades de todo o alumnado conforme as súas posibilidades e circunstancias e, para iso, teñen que organizarse de xeito diferenciado, planificando os seus recursos e desenvolvendo as actuacións necesarias para o logro duns obxectivos concretos nun período de tempo determinado.
A convocatoria 2017/18 de Contratos-Programa pretende adaptar as diferentes liñas de traballo ás novidades introducidas pola Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, e pretende potenciar de forma prioritaria o desenvolvemento das competencias clave, especialmente a competencia matemática, así como a mellora da convivencia nos centros, a prevención da desigualdade de xénero, a prevención do abandono temperán e do absentismo escolar, e o logro da excelencia educativa.
O fin último é lograr unha educación de calidade para todo o alumnado, desenvolver ao máximo posible as súas potencialidades e, en definitiva, contribuír á mellora da calidade do sistema educativo de Galicia.
























