O xoves 22 de maio, o CISPAC acollerá a conferencia “Agroecoloxía e xustiza de xénero: Perspectivas e loitas das mulleres rurais en Portugal ”, impartida por Rita Calvario, investigadora do DINAMIA’CET-Iscte. A sesión terá lugar ás 12:00 h no Seminario 103 do Edificio Fontán, na Cidade da Cultura.
A investigadora achegará unha reflexión crítica sobre as loitas das mulleres rurais nos contextos agroecolóxicos e agrarios do sur de Europa, con especial atención ás dinámicas de xénero e aos movementos sociais que defenden a xustiza alimentaria e territorial. A súa investigación integra enfoques da agronomía, a ecoloxía política e as ciencias sociais, destacando polo seu compromiso co activismo científico e a transformación social.
Calvario lidera actualmente un proxecto sobre as relacións de xénero na agricultura portuguesa e participa no proxecto europeo HORIZON SWIFT, coordinado polo CSIC, centrado nas innovacións lideradas por mulleres no rural e na situación das mulleres migrantes en Portugal e España. Colabora tamén co Barcelona Lab for Urban Environmental Justice and Sustainability (BCNUEJ) e forma parte do Consello Editorial de Frontiers in Sustainable Food Systems.
A actividade insírese na programación científica do CISPAC e está aberta ao público ata completar capacidade da sala.
- GALEGO
- CASTELLANO
- ENGLISH
























