O vindeiro 24 de abril o programa Vodafone Connecting for Good Galicia pon fin á súa segunda edición cunha xornada de clausura celebrada na Cidade da Cultura, na que se entregarán os premios aos mellores proxectos tecnolóxicos da actual convocatoria.
‘Connecting for Good Galicia’ é un programa impulsado por Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da Fundación Vodafone España. O seu obxectivo é desenvolver iniciativas emprendedoras de innovación social dixital en calquera dos ámbitos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020, valorando especialmente o enfoque inclusivo cara os colectivos de persoas con discapacidade e persoas maiores.
Os seis proxectos emprendedores participantes da súa segunda edición foron 3DAcoustic, it!, Formadox, Mediación Móvil, Sense(z) e Tapper.
De entre eles, a Xunta de Galicia outorgará a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) o premio ao mellor proxecto polo seu carácter innovador por valor de 25.000€ e ademais, a Fundación Vodafone España outorgará o Premio “Conectados por la Accesibilidad” que ascende a 10.000€ a aquel proxecto que mellor incorporase os Principios de accesibilidade Universal.
Clausurará o acto o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Ademais, durante esta xornada anunciarase a apertura da III Edición do Programa e o prazo de candidaturas.
























