A ciencia é o meu futuro? é a pregunta que abordará a conversa entre alumnas de bacharelato e investigadoras e técnicas do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC) con motivo do Día internacional da muller e da nena na ciencia, que se conmemora cada 11 de febreiro. O evento desenvolverase o día 9 de febreiro ás 10:30 horas, de maneira presencial na sede do INCIPIT-CSIC (Edificio Fontán da Cidade da Cultura) e en liña. As persoas interesadas en participar poden escribir a valorizacion@incipit.csic.es.
A actividade ten como obxectivo visibilizar e revalorizar o traballo das mulleres no ámbito científico, promover vocacións científicas entre as alumnas, así como sensibilizar a todo o alumnado sobre a importancia da igualdade de xénero no ámbito científico. Cada unha das participantes conversarán coas rapazas e rapaces sobre o seu traballo e experiencia, abordando aspectos positivos e negativos da carreira científica tanto desde as súas perspectivas profesionais coma persoais. Ao mesmo tempo o alumnado terá a oportunidade de formular preguntas e expoñer as súas inquedanzas e intereses.
Quen son as investigadoras e técnicas do INCIPIT que interveñen?
- María Cruz Ferro Vázquez é técnica de investigación e doutora en Ciencias do Solo pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde o inicio da súa vida profesional traballou en preto de 40 proxectos nacionais e internacionais (Chile, Etiopía, Guinea Ecuatorial, Tanzania, Illas Galápagos, varios países do Caribe, así como España e outros países europeos).
- Alejandra Galmés, é investigadora postdoutoral Juan de la Cierva no INCIPIT, e membro do grupo de investigación ArqueoUIB (Universitat de les Illes Balears). A súa liña de investigación céntrase nas formas en que a arquitectura conecta a paisaxe a través das novas metodoloxías digitais.
- Maria Martín-Seijo, é científica titular e súa área de investigación é a Arqueobotánica. Investiga sobre as relacións que se estableceron no pasado entre seres humanos e plantas, a partir do estudo dos residuos da leña e das manufacturas vexetais recuperadas en contextos arqueolóxicos. Ten traballado en Europa, América e recentemente en Asia e Oceanía.
- Andrea Solana-Muñoz, é investigadora predoutoral, cursou o Grao en Arqueoloxía e o Máster en Estudos do Patrimonio da Vrije Universiteit Amsterdam. Os seus temas de investigación xiran arredor das tecnoloxías xeoespaciais, a arqueoloxía da paisaxe, as novas técnicas de estudo da paisaxe e as metodoloxías de prospección e documentación non invasivas.
- Jadranka Verdonkschot, é investigadora postdoutoral, doutora en arqueoloxía e asistente de investigación do ERC Material Minds (XSCAPE), un proxecto europeo que ten como obxectivo analizar como as nosas mentes modifican o mundo que construímos e que reúne a un equipo de especialistas que combinan a investigación neurocientífica, as disciplinas arqueolóxicas e históricas coa ciencia cognitiva e a filosofía.
























