Vigo no tempo | Cidades no tempo

Vigo no tempo é a quinta das mostras que se poñen en marcha no marco dun proxecto máis amplo, Cidades no tempo, que contempla unha exposición en cada unha das sete principais urbes galegas. Tras Santiago, Ferrol, Lugo e A Coruña, a proposta continúa o seu percorrido en Vigo co obxectivo de reinvindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade de Galicia.

A iniciativa está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, coa colaboración de Afundación (Obra Social ABANCA), en cuxas sedes se ubican as exposicións en cada cidade. O relato expositivo explora a cidade dende as súas orixes ata a actualidade cunha combinación única de obxectos de alta cultura e cotiáns, obras de arte, documentación histórica, mapas e planos, recreacións virtuais, fotografías e publicacións. Unha oportunidade de afondar no Vigo máis coñecido e de descubrir os aspectos esquecidos ou descoñecidos dende moi diversas perspectivas: os fitos históricos e os mitos, o desevolvemento urbanístico, a economía e a industria, o lecer ou a cultura.

A mostra parte dunha visión de Vigo como un lugar cunha profunda vontade de constituírse como unha gran cidade. Así, fai un percorrido pola realidade dunha urbe que medrou nun territorio xa intensamente habitado incluso antes de que existira esa propia idea de cidade. Baixo esta premisa, o traxecto abrangue as relevantes infraestruturas a nivel comercial, cultural e de comunicacións, enfocadas en acadar ese obxectivo. Un camiño que repasa, ademais, pezas arqueolóxicas de grande importancia, os documentos fundacionais, algunhas das imaxes máis antigas da cidade e mesmo grandes proxectos que non saíron adiante.

 

A exposición coloca nun mesmo escenario dende o Vigo industrial (vinculado ao mar e outras entidades destacadas como Citroën) ao editorial, pasando pola influencia do Cable Inglés nas costumes e no lecer, polo Vigo da Movida ou do Grupo Atlántica, ata o Vigo do mar e as lendas. Á fronte do proxecto está Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Para esta mostra conta co asesoramento, como coordinador local, do columnista e editor de Xerais entre 1994 e 2018, Manuel Bragado. Asimesmo, colaboran institucións relevantes para esta cidade, coleccións particulares e recoñecidas entidades empresariais.

 
Exposicións
 
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h