A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, co patrocinio da Deputación da Coruña, organiza unha campaña formativa para a implementación dunha rede de infraestrutura verde a escala municipal na provincia da Coruña. A Biblioteca de Galicia acolle os días 1 e 2 de decembro as xornadas, dirixidas a responsables técnicos e políticos dos concellos de Ordes, Arzúa, Terra de Melide e Santiago de Compostela.
Nas últimas décadas, os problemas ambientais foron tomando maior importancia, en particular aqueles derivados da contaminación, dunha inadecuada xestión do territorio e do gran crecemento demográfico. Iso implica a necesidade de accións directas e cambios no paradigma da ocupación e xestión do solo, así como nos sistemas produtivos, de transformación e de deseño urbano.
Esta preocupación foi recollida pola UE na Estratexia Europea en materia de infraestrutura verde, que dispón que todos os estados membros teñen o deber de publicar a súa propia estratexia de infraestrutura verde. Consecuentemente, o 13 de xullo de 2021 apróbase en España a Estrategia Nacional de Infraestructura Verde y de la Conectividad y Restauración Ecológicas, establecendo que cada comunidade autónoma debe desenvolver a súa e, a escala municipal, tamén deberán facelo os concellos.
É por iso que se precisa divulgar esta estratexia e profundar no conceptos e na súa implementación a nivel local, ofrecendo aos responsables municipais, tanto técnicos como políticos, un marco de coñecemento e ferramentas para poder traballar na identificación, delimitación e xestión oportuna da infraestrutura verde a escala municipal. Con este obxectivo xorde esta campaña formativa enfocada a responsables municipais, co fin de apoiar a gobernanza recollida na estratexia nacional e facilitar o traballo dos concellos da provincia da Coruña.
O obxecto da campaña formativa é a divulgación do concepto de infraestrutura verde e a súa aplicabilidade a nivel municipal, de xeito que os asistentes adquiran os coñecementos necesarios para promover a súa implementación, acadando un entendemento dos seguintes aspectos:
- Concepto de infraestrutura verde e importancia da súa planificación estratéxica a nivel municipal
- Morfoloxía espacial e compoñentes da infraestrutura verde: núcleos, corredores, áreas de amortecemento, áreas multifuncionais e elementos urbanos
- Metodoloxías para o cálculo e cartografado dos servizos ecosistémicos a escala local
- Mecanismos para o financiamento e a implementación da infraestrutura verde
- Métodos de ordenación e xestión da infraestrutura verde urbana
- Metodoloxía de traballo
O formato da campaña é unha combinación de intervencións de expertos nas distintas materias que engloba a planificación e implementación da infraestrutura verde a escala autonómica e local, contando ademais coa presenza de relatores invitados que constitúen unha referencia neste eido a nivel nacional. Ademais, contémplase un espazo participativo no que os asistentes poderán achegar propostas de infraestrutura verde a desenvolver nos concellos aos que representan para avaliar a súa idoneidade, posibles vías para de implementación e incluso opcións de colaboración intermunicipal.
Máis información e inscricións no seguinte enlace.
























