A auga é un intre que aprendeu a quedar | Intervención artística de Diego Lara

A auga é un intre que aprendeu a quedar é unha intervención escultórica concibida polo artista visual Diego Lara para a lagoa do Xardín Literario da Cidade da Cultura. A través dunha escultura flotante que dialoga co movemento cíclico da auga, a obra propón unha reflexión sobre a fugacidade, a permanencia e o vencello entre natureza e tempo.

Realizada con madeira autóctona de castiñeiro e mediante técnicas tradicionais de carpintaría náutica, a peza recupera saberes vencellados á arquitectura popular e á construción naval galega. A construción enténdese así como un proceso relacional, onde a práctica artística se desenvolve en colaboración e diálogo coa tradición, o facer compartido e os ciclos naturais. Nunha relación de co-creación coa auga, a intervención evoca o fluír da vida e o eterno retorno ao esencial.

O instante que permanece

O Xardín Literario do Gaiás, na Cidade da Cultura, preséntase como o lugar onde a beleza atopa o seu sentido. A auga, que agroma entre as físgoas da pedra e do terreo, transforma o espazo nun territorio sensible que convida a deterse, contemplar e escoitar o ruxir da vida que emerxe.

A intervención concíbese como unha reverencia cara ao sagrado da natureza. No seu movemento cíclico, a escultura flotante dialoga coa auga, camuflándose na contorna e evocando o misterio do que somos, de onde vimos e cara a onde volvemos. Propón un percorrido cara a esa experiencia vital: un fluír que evoca a fonte, o ser e un sopro vital que se manifesta no movemento da auga e na circularidade do devir. Un continuo sen principio nin fin que convida a pensar máis alá do tempo, nun eterno retorno ao esencial.

A escultura revélase como un espello onde mirarnos no transcorrer do tempo, reflicte a fugacidade e tamén a permanencia: a auga como o instante que aprendeu a permanecer.

Diego Lara

Diego Lara (Madrid, 1993) desenvolve unha práctica artística situada entre o escultórico, o procesual e o natural. O seu traballo investiga os límites do debuxo expandido, as técnicas tradicionais e a materia mediante procesos vencellados ao territorio e á memoria ecolóxica, establecendo diálogos cos contextos nos que traballa. A través de materiais orgánicos, a escultura, a instalación e o traballo de campo, explora formas de coexistencia entre o humano e o non humano.

A súa traxectoria foi recoñecida con premios e bolsas como a residencia de Acción Cultural Española (AC/E) e Domaine de Boisbuchet (Francia, 2025), o Concurso de Intervencións Artísticas do Encontro de Artes Novas (Santiago de Compostela, 2025), ou a XXXVII Edición Circuitos de Artes Plásticas (Madrid, 2026), entre outros.

Realizou exposicións individuais como Lo que sostiene, Espacio Abierto (Valladolid, 2026); Los cuadrados sueñan con convertirse en círculos, Espacio Araña (Madrid, 2023); ou Una rama tembló, Espacio Local (Gijón, 2022). A súa obra tamén formou parte de exposicións colectivas en galerías, feiras e festivais en España e Francia.

 
Exposicións