XV Encontro de Artistas Novos: #EAN15

O Gaiás convértese por décimo quinto ano consecutivo nun espazo de encontro no que creadores e creadoras emerxentes teñen a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea durante catro días de convivencia e intercambio de coñecementos e ideas con outros axentes culturais. Chega o XV Encontro de Artistas Novos, #EAN15, que se celebra do 24 ao 28 de agosto de 2025, coordinado unha edición máis por Rafael Doctor.

O Encontro de Artistas Novos busca favorecer a convivencia entre artistas emerxentes de Galicia e procedentes doutros lugares e tamén permitirlles entrar en contacto con creadores e creadoras de recoñecida traxectoria e con axentes do sector de eidos como a crítica e o comisariado, que participan no encontro como art followers. Como cada ano, o EAN trae ao Gaiás a destacados nomes do panorama actual da arte contemporánea, como Ana de Alvear, Yoseba MP, Jana Leo, Juana González e Sergio Marey, que compartirán cos artistas emerxentes participantes as súas experiencias e reflexións ao redor do mundo da arte e o proceso de creación.

Escaparate da creación emerxente

O EAN15 selecciona 40 artistas emerxentes que durante o encontro realizan unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo así de plataforma e escaparate das súas creacións. As persoas interesadas en participar deben enviar a documentación requirida ao enderezo electrónico que figura nas bases de participación antes das 14:00 horas do venres 23 de maio de 2025. A documentación, así como calquera consulta sobre o procedemento, debe tamén remitirse ao mesmo enderezo electrónico.

>> Consultar AQUÍ as bases de participación | Descargar AQUÍ o boletín de inscrición

Artistas

Ana de Alvear | Madrid, 1962

Parecen fotografías, pero son debuxos. A través de pinturas hiperrealistas, raiando no virtuosismo formal e cun maxistral emprego da cor, Ana de Alvear xoga co equívoco entre a realidade e a súa representación e convida as persoas espectadoras a cuestionar as súas propias crenzas. A naturaleza, a vida e a morte en constante diálogo están omnipresentes nun traballo, de factura minuciosa e exquisita, que foi exhibido en museos de ciencias naturais e centros botánicos de toda España. Desde 1997 colabora con compositores de música contemporánea realizando producións de vangarda que se estrearon, entre outros, no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid.

Jana Leo | Madrid, 1965

Creadora visual, autora e doutora en Filosofía, o tema principal nas creacións de Jana Leo é o corpo, ben como signo de identidade, elemento político ou foco da relación co outro e co momento presente no día a día. O seu traballo abrangue desde a videoarte e a fotografía das súas primeiras obras ata o ensaio, a instalación ou a arquitectura. En 2024 publicou Mamá está muerta, pero la vamos a curar, un total de 300 páxinas que nacen da análise dos casos das 132 mulleres asasinadas en Madrid entre 1999 e 2020 a mans das súas parellas ou ex-parellas homes, casos que ilustra de xeito arrepiante e conmovedor.

Yoseba MP | Cambre, 1984

Pintor e muralista galego, a súa obra destaca por un estilo realista con toques surrealistas e unha forte influencia fotográfica. O seu enfoque artístico combina a arte urbana co retrato tradicional, dando como resultado imaxes impactantes que renden homenaxe á identidade e a cultura galega. Un dos seus proxectos máis emblemáticos é Fenómenas do rural, unha serie iniciada en 2012 na que retrata a mulleres maiores de zonas rurais galegas como superheroínas, nunhas obras que combinan humor, tenrura e realismo máxico e buscan resaltar a importancia das mulleres na vida rural, reivindicando o seu esforzo e fortaleza.

Juana González | Puertollano, 1972

Licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, Juana González desenvolve o seu traballo no terreo da pintura e o debuxo. Os seus traballos pictóricos, xeralmente de gran formato e de composicións complexas, transitan entre a figuración narrativa e o expresionismo. A súa obra foi exhibida en espazos como a Sala Robayera (Cantabria), o Centro de Arte Alcobendas, a Igrexa Santa Catalina de Badaxoz, o Museo da Universidade de Alacante ou o Musée des Beaux-Arts da Chaux-de-Fonds en Suíza.

Sergio Marey | Pol, Lugo, 1997

A memoria é a principal ferramenta da practica artística de Marey, que traslada á instalación, á performance, ao deseño téxtil, o vídeo ou a arte sonora. Desenvolve proxectos de carácter interdisciplinar, cos que procura facer pensar e repensar diferentes aspectos sociais, a miúdo relacionados coa identidade e a diversidade de xénero e sexual, amosando a un tempo a riqueza cultural de Galicia. Regresa ao EAN tras participar no encontro en 2020 como figura emerxente e materializar en 2024 nas REGA (Residencias Artísticas do Gaiás) Deus-te-livre, unha peza que conxuga a instalación artística e a performance para reflexionar sobre as representacións LGTBI+.

 A comisaria e xestora cultural Sara Donoso; o artista e comisario Eduardo Díaz Valiña; o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola; o tamén xornalista e xestor cultural Martín Moniche e o docente e comunicador Rubén Alves, participan tamén no encontro como observadores ou art followers, compartindo cos participantes a súa experiencia no apoio a novos talentos desde o eido curatorial ou da divulgación.