Auga Doce

O país dos mil ríos, de néboas literarias e nubes reais, de eternas borrascas e paisaxes húmidas, rica en augas do lecer e da saúde… Galicia é auga doce. Un elemento definidor da súa identidade e ao mesmo tempo tantas veces esquecido no noso universo cultural tras a poderosa omnipresenza do Atlántico. Desta realidade nace Auga Doce, unha exposición multidisciplinar que nos convida a mirar a través da ollada prestada dos artistas e redescubrir a beleza infinita e universal da auga.

Pinturas, esculturas, fotografías, vídeos e instalación van da man de enxeños científicos, avances tecnolóxicos ou obxectos etnográficos. Un total de 700 obras que mergullarán ao visitante nunha intensa experiencia estética a través de grandes nomes da creación contemporánea como David Hockney, Gerhard Richter, Mario Merz, Louise Bourgoise, Martín Chirino ou Chema Madoz e de mestres clásicos da talla de Piranesi, John Constable, Henry Lewis ou Audubon.

Auga Doce suporá unha viaxe polas propiedades da augas subterráneas galegas, dos nosos ‘mil ríos’ e mananciais, do aproveitamento histórico que os galegos fixeron da auga e, como non, a plasmación artística desta relación identitaria. Mais a exposición trascende a realidade galega, convidando ao visitante a conectarse con outros pobos onde a auga define tamén a súa identidade e a súa cultura. Por primeira vez en Galicia, Auga Doce ofrécenos a posibilidade de explorar expresións artísticas de comunidades culturais nas antípodas da nosa como a esquimó ou a arte aborixe australiana; e aproximarse a outras realidades coas que compartimos máis do que pensamos como a africana ou a oriental a través da arte xaponesa.

Auga Doce supón unha incursión que comeza descendendo ao mundo subterráneo das Augas Escondidas, que explora unha xeografía mítica, fértil e de arquitecturas imposibles; para ir ascendendo ata a Auga na Terra, sucada de grandes ríos e paisaxes sobrecolledoras; Auga e Home, cunha reflexión sobre o ciclo da auga e a loita titánica do ser humano por dominala e capturala; ata concluír Mirando ao ceo, co clima e o tempo como centro de todo.

 
Exposicións
 
 
00:00
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h