Baixo o lema «Unha feliz viaxe pola vida», a campaña do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo 2022 pon o foco no dereito das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) e as súas familias para gozar dunha vida feliz.
A Federación Autismo Galicia organiza un acto conmemorativo o día 2 de abril, de 11:30 a 13:30h. O acto terá un formato televisivo en streaming, coa colaboracion de Cidade da Cultura.
Na presentación oficial do acto contarase coa presenza de Jacobo Rey Sastre, Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, e Mercedes Fernández Angulo, Presidenta da Federación Autismo Galicia, e vicepresidenta de Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro do Autismo da Provincia da Coruña, ASPANAES, e farase a presentación da campaña «Unha feliz viaxe pola vida» a cargo da presidenta da Federación Autismo Galicia.
Tamén como parte do acto farase a presentación de "XXV anos da revista Maremágnum: Coñecemento e coidados do autismo" a cargo de Cipriano Luis Jiménez Casas, membro do consello asesor da FAG.
O evento contará tamén cunha serie de diálogos adicados ao autismo, conducidos por diversos ponentes cunha importante traxectoria no ámbito da saúde e da incidencia social.






















