A Asociación Galega de Áridos (Arigal) celebra na Cidade da Cultura unha xornada para dar a coñecer as accións que vén realizando para fomentar o sector. Entre as iniciativas que se presentarán destaca o vídeo documental Que sabes dos áridos?, realizado por La Esponja ou o cómic Lagartiño e o futuro da canteira, ilustrado por Manel Cráneo.
A xornada servirá tamén para coñecer a 'Campaña Cero Accidentes' que se está a levar a cabo nas máis de 50 empresas que pertencen á asociación. Esta campaña desenvólvese dentro do marco das axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para impulsar a realización de accións que contribúan a mellorar as prácticas preventivas e ambientais do sector mineiro galego, a transferencia de coñecemento, o aproveitamento racional e eficiente dos recursos minerais, a Investigación e innovación no seu aproveitamento, así como a divulgación e promoción do sector.
Arigal é unha organización empresarial constituída no ano 1999 para agrupar ás empresas galegas adicadas á transformación industrial, fabricación e comercialización de áridos. Na actualidade, este colectivo conta con 50 empresas asociadas, que desenvolven a súa actividade en 75 centros de traballo e que representan ao 93% do sector na comunidade. Ademais, tamén integra a outras 27 empresas adheridas, pertencentes a subsectores auxiliares, como o das voaduras ou o do transporte, por exemplo.
A asociación foi creada co obxectivo de apoiar os empresarios en materias como a prevención de riscos laborais, o respecto polo medio ambiente, a capacitación técnica, o financiamento, a promoción dos áridos —especialmente no ámbito do ensino— e a cooperación, representatividade e interlocución ante as administracións. Hoxe en día, Arigal tamén é referencia en innovación, formación, internacionalización e seguridade laboral no sector.























