Outro e sobre si | Andrés Rodís

Outro e sobre si é un proxecto do artista compostelán Andrés Rodís que foi desenvolvido ao abeiro da primeira edición das Residencias ArtLab IGFAE – Cidade da Cultura REGA, entre febreiro e abril de 2026. As obras que Andrés Rodís presenta nesta exposición son froito dunha investigación sobre as estruturas de duplicidade na práctica pictórica, desde un diálogo interdisciplinar coa física cuántica.

A mostra afonda no concepto da superposición e nas posibilidades de abrir novas vías para a práctica artística, facéndonos partícipes da súa procura dos bordos e límites da obra de arte e da súa exploración das investigacións e experimentos en física de partículas, astropartículas e física nuclear que se desenvolven no IGFAE.

Componse de 25 pezas entre as que atopamos pinturas (realizadas con diferentes técnicas), colaxes, impresións dixitais e unha vídeo proxección, realizadas a partir da estadía Andrés Rodís nas instalacións do IGFAE e na Cidade da Cultura, durante a cal explorou a potencialidade dos obxectos.

Pode visitarse, de balde, no Museo Centro Gaiás ata o 10 de xaneiro de 2027.

Rachar coas nocións clásicas da duplicidade

As conversas co persoal investigador do IGFAE, o seu paso polos laboratorios de investigación nuclear e cuántica do Instituto e polo Laboratorio de Radiofísica da USC, ou o achegamento a nocións como o principio de incerteza de Heisenberg, o experimento da dobre fenda ou as ideas de Karen Barad con respecto á epistemoloxía da ciencia foron inspiración para os traballos de Outro e sobre si.

Trátase dunha aproximación que, en palabras do propio artista, “non busca unha correspondencia metafórica, analóxica ou ilustrativa entre cuántica e arte, xa que é evidente que cada ámbito responde a unha linguaxe e saber concretos, senón que lecturas, diálogos, imaxes e prácticas xeraron un espazo intermedio de recepción, onde eses saberes concretos puidéronse cruzar, dando pé a unha serie de pezas que, como un atlas, permanecen sempre abertas”.

3 obras da exposición 'Outro e sobre si'

Andrés Rodís

Andrés Rodís (Santiago de Compostela, 2000) é graduado en Belas Artes pola Universitat Politècnica de València e máster en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco. Actualmente realiza o seu doutoramento na Universidade de Vigo.

Recibiu recoñecementos a nivel autonómico e nacional, como o XIV Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis (2025), Premio ao Mellor Artista Emerxente de SWAB (2025) ou a concesión da Cátedra Adegas Faustino & Willy Ramos con destino París (2022). Foi seleccionado en residencias nacionais como as Residencias Artísticas Celestino Cuevas (Reinosa, 2025), onde desenvolveu o proxecto Contacto, contorno, ou na 11 Residencia de Creación e Investigación Artística (Museu da Universitat d´Alacant, 2025), co proxecto Ad´dad: el engaño de la ortiga.

Entre as súas exposicións destacan Las esquilas las estrellas na Galería Lumbreras (Bilbao, 2025), Isabelle Dinoire no Espacio Peculiar (Oleiros, A Coruña, 2025), Gramática de superficie na Galería NÉBOA (Lugo, 2024), ou o colectiva Territorio Contemporánea 2025, Sala ABANCA (Santiago de Compostela, 2025). A súa obra está presente en coleccións públicas e privadas como a de Piramidón, Centre D´Art Contemporani, Colección Norte Gobierno de Cantabria, Fundación Campocerrado, KELLS Art Collection, Colección de Arte MANGO, Juntas Generales de Bizkaia e o Museu de la Universitat d'Alacant.