Máscaras rituais, esculturas que conectan a vida coa morte, armas cerimoniais esculpidas para a guerra e o prestixio, maquetas de embarcacións concibidas para cruzar un océano infinito... A exposición internacional Voces do Pacífico. Innovación e tradición presenta por vez primeira en Galicia unha escolma de máis de 200 obxectos da colección do British Museum, unha das máis relevantes de arte de Oceanía a nivel internacional.
De Papúa Nova Guinea a Rapa Nui, e desde Hawai a Nova Zelandia, Oceanía abrangue unha enorme diversidade de illas e culturas unidas polo Pacífico. No extenso océano que cobre case unha terceira parte da superficie terrestre atopamos selvas pluviais, bosques de algas kelp, manglares, arrecifes de coral, montañas nevadas e lagoas cor turquesa.
Voces do Pacífico é unha celebración das culturas e a sensibilidade artística dos pobos que habitan esta extensa rexión, para quen o océano foi ao tempo medio de subsistencia e inspiración da súa creatividade.
Excepcionais viaxeiros e artistas
Grandes expertos en viaxes en longa distancia, os habitantes do Pacífico levaron vidas cosmopolitas moito antes de que os europeos chegasen á rexión. Son considerados ademais uns artistas excepcionais que crean fermosos obxectos para a súa vida cotiá con elementos naturais como pedra, madeira, fibras ou cunchas. Abanos, anzois, tecidos, armas, canoas... cada obxecto está belamente traballado, con decoracións impregnadas dun significado espiritual e profundo: a arte forma parte de todos os aspectos da vida.
Voces do Pacífico amosa numerosos obxectos históricos, pero tamén obras de creadores actuais que achegan a Santiago de Compostela a riqueza da arte de Oceanía a través do equilibrio entre innovación e tradición. Unha cuarta parte do total das pezas foi realizada nos últimos cincuenta anos por artistas contemporáneos que preservan e recuperan formas tradicionais de tecido, talla ou tatuaxe.
O discurso establece unha conexión directa con retos globais actuais como o cambio climático, que ameaza de forma crítica a supervivencia de moitas illas de Oceanía debido á subida do nivel do mar.

Innovación e tradición
Ao longo do percorrido, a exposición preséntase como un convite á reflexión e á acción, salientando a creatividade, a innovación e a resiliencia que caracterizaron estas comunidades durante milenios.
Desde unha perspectiva contemporánea, o discurso establece unha conexión directa cos retos globais actuais, especialmente co impacto do cambio climático, que ameaza de forma crítica a supervivencia de moitas illas de Oceanía debido á subida do nivel do mar. Deste xeito, Voces do Pacífico configúrase como un recoñecemento ás culturas oceánicas ancestrais como fonte de coñecemento fundamental para afrontar os desafíos medioambientais do presente.
Comisariado
A mostra está comisariada pola Julie Adams, conservadora de Oceanía do Departamento de África, Oceanía e as Américas do British Museum. É especialista coleccións do Pacífico, historia colonial e arte indíxena
Durante a última década comisariou, investigou e escribiu sobre a historia das coleccións do Pacífico en museos europeos. Entre 2011 e 2015 foi investigadora sénior no Museum of Archaeology and Anthropology de Cambridge e foi editora de Artefacts of Encounter: Cook’s Voyages, Colonial Collecting and Museum Histories, publicado pola Otago University Press en 2016.











