As mulleres de Castelao | Exposición na Biblioteca de Galicia

A Biblioteca de Galicia acolle despide o Ano Castelao coa exposición As mulleres de Castelao, unha exposición que propón unha nova mirada sobre a vida e a obra do artista a través das mulleres que máis o influenciaron. A exposición reúne unha trintena de documentos procedentes dos fondos da biblioteca, combinando fotografías, debuxos, documentos persoais e textos que permiten percorrer o círculo máis próximo do creador e entender mellor a súa vida persoal, artística e política.

A imaxe gráfica desta mostra corre a cargo da ilustradora viguesa Alba Casanova. Cunha forte pegada persoal e conceptual, empregando as linguaxes do debuxo, a fotografía e a colaxe, a súa interpretación das mulleres presentes na vida de Castelao aparece reflectida como as mans que o sostiveron, acompañadas de múltiples pistas que nos achegan ao periplo vital deste rianxeiro universal. 

A exposición comeza coa figura da nai de Castelao, Joaquina Castelao, representada mediante fotos familiares, documentos da infancia de Daniel e debuxos que recrean a súa presenza. Esta sección permite achegarse á relación persoal que moldeou a súa educación e os primeiros anos da súa vida, sentando as bases da súa futura traxectoria artística e política.

A seguinte vitrina céntrase en Virxinia Pereira, compañeira inseparable do artista ata a súa morte en 1912. A través dos documentos expostos, a mostra destaca a influencia de Virxinia na vida máis íntima de Castelao. A terceira vitrina pon o foco en Teresa Rodríguez Castelao, irmá do artista, encargada de preservar a memoria de Castelao e de protexer os dereitos de autor da súa obra, mostrando como o apoio familiar foi fundamental para garantir a conservación e difusión do seu legado.

Unha suposta informante da CIA

A exposición tamén recupera a figura de María Docampo, quen exerceu como tradutora de Castelao durante a súa estancia en Nova York en 1938. Diversas fontes e testemuños, entre eles Emilio González López, Isaac Díaz Pardo e Xosé Luís Méndez Ferrín, apuntan á posibilidade de que Docampo actuase como informante dos servizos de intelixencia dos Estados Unidos, no contexto do seguimento da figura política de Castelao por parte das autoridades norteamericanas. A súa vida rematou de forma violenta en 1948, cando foi asasinada polo seu marido na localidade de Arillo (Oleiros), nun dos crimes máis impactantes da comarca coruñesa.

A artista que levou ás táboas a Castelao

A última vitrina da mostra está dedicada a Maruxa Villanueva, unha recoñecida artista que traballou arreo no exilio para enxalzar a cultura galega. Durante a súa estancia en Bos Aires, trabou amizade con Castelao e levou ás táboas a súa obra Os vellos non deben namorarse. Ao regresar a Galicia, a pesar das dificultades, continuou exercendo a súa labor cultural, centrando boa parte do seu traballo arredor da figura de Rosalía de Castro e colaborando activamente na súa Casa Museo. Ao longo da súa vida recibiu numerosos recoñecementos, entre eles a Medalla Castelao e, de xeito póstumo, o premio María Casares de teatro.