Xacobeo. As pegadas do Camiño

Neste Ano Santo ampliado a 2022, preténdese pór en valor a riqueza de testemuños diversos que o Camiño de Santiago deixou dende a Idade Media e que se conservan na Biblioteca Nacional e noutras institucións culturais de dentro e fóra de España como o Museo del Prado, o Arquivo da Catedral de Santiago ou o Centro italiano di Studi Compostellani.

Alén da dimensión humana e espiritual do Camiño, esta exposición susténtase, a través dunha escolla de 200 pezas, na fonda experiencia cultural que produciu e produce o percorrido xacobeo, deixando ao seu paso pegadas visuais, musicais, arquitectónicas ou literarias. Todas elas conflúen en Xacobeo. As Pegadas do Camiño, onde se salienta a vocación europeísta que distinguiu dende a súa orixe a ruta xacobea. Así, esta exposición aspira dende o seu propio título a ofrecer dunha maneira poliédrica unha selección de pezas significativas das facetas históricas, culturais, artísticas, literarias, sociolóxicas, políticas, antropolóxicas, xeográficas, paisaxísticas e vivenciais a través dunha selección de manuscritos, mapas, fotografías, pezas musicais, libros de viaxe, gravados, estampas ou referencias fílmicas.

 

AS PEGADAS

O discurso expositivo desta mostra está baseado nas pegadas xacobeas, ofrecendo un percorrido que busca ilustrar a importancia na cultura europea do fenómeno da peregrinación a Santiago. Ese traxecto lévanos dende a propia cartografía, na que comezou a ter especial interese o trazado do Camiño, ata as máis variadas manifestacións artísticas e literarias. As distintas facetas que se abordan están distribuídas en cinco grandes ámbitos, correspondentes cada un deles ás distintas acepcións recollidas para a palabra "pegada" (huella) pola Real Academia Española.

  • O Camiño [de Europa]. Tomando a acepción de pegada como sinal que deixa o pé do ser humano ou dos animais na terra por onde pasan, reúnese unha serie de obras de cartografía relacionadas co Camiño de Santiago, tanto pertencentes á Biblioteca Nacional como a outras institucións e coleccións privadas. Un paso que tamén foi recollido, ademais de nos mapas, ao longo do tempo, pola fotografía, algunhas de verdadeiros artistas.
  • Rastro, sinal, vestixio. Pegada é tamén o rastro que deixa alguén ao seu paso e é aquí onde teñen cabida as diversas expresións artísticas, arquitectónicas, de enxeñerí, escultóricas, pictóricas, filmográficas e musicais, xurdidas ao redor da Ruta Xacobea. Atopamos neste eido pezas que perfilan a figura de Santiago como apóstolo, peregrino, cabaleiro ou mestre. Un exemplo é a pintura de Murillo ou outra atribuída á escola de El Greco. Ademais, realízase un extenso repaso á produción fílmica que inspirou o Camiño, como escenario de numerosas películas e faise referencia á importancia da música a través de manuscritos, reproducións de instrumentos da época medieval e un arquivo sonoro que se pode escoitar na sala.
  • Indicio, mención, alusión. A mostra nútrese neste capítulo misceláneo do fondo de manuscritos relacionados co Camiño que atesoura a Biblioteca Nacional de España. Trátase dunha compilación de documentos, breviarios, beatos, panexíricos, tombos, partidas, códices, moitas veces miniados, con privilexios ou disposicións legais adscritas á peregrinación xacobea, coa relación de milagres atribuídos ao apóstolo, con xestas históricas ou fantasiosas de grandes personaxes que fixeron tamén o Camiño, ou outros contidos máis estritamente relixiosos e doutrinais. Destaca neste conxunto o Liber Sancti Iacobi. Miragres de Santiago, unha versión manuscrita en galego-portugués do Códice Calixtino.
  • Sinal, lámina ou forma de imprenta. Baixo esta definición dáse entrada ao repositorio do inxente patrimonio impreso, gráfico e literario que xerou a peregrinación en diversos idiomas, con gravados, litografías, estampas, augafortes ou xilografías. As crónicas e diarios de peregrinación cobran especial importancia polas súas descricións da vida da época, destacandoo que a partir da lingua italiana se coñece como literatura odepórica, baseada nas viaxes dende Italia a Galicia.
  • Impresión profunda e duradeira nunha persoa. Nesta alusión ás pegadas a exposición refírese á dimensión máis profundamente humana, física e espiritual. Unha dimensión antropolóxica que se manifesta a través de obxectos, documentos, guías, testamentos, testemuños, selos postais, carteis ou programas festivos. Hai aquí tamén que facer referencia, alén da literatura odepórica xa mencionada, á cumprida conta de relatos e diarios de peregrinos, moitas veces identificables con esa literatura, acollendo escritos dende o século XV e reflexións que o Camiño foi inspirando.

COMISARIADO

A compilación foi dirixida por Darío Villanueva, comisario da exposición, catedrático da Universidade de Santiago (USC) e exdirector da RAE, coa colaboración dun comité científico asesor conformado por: Paolo Caucci von Saucken, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago; Carmen Manso Porto, historiadora da Arte; Juan Monterroso Montero, catedrático de Historia da Arte na USC; e Xosé Luis Barreiro Rivas, politólogo e profesor de Ciencias Políticas da USC

 
Exposicións
 
1 Abr - 7 Ago 2022
De luns a domingo | De 10 a 20 h
8 Abr - 28 Ago 2022
De martes a domingo | De 10 a 20 h
5 Mai - 28 Ago 2022
De luns a domingo | De 10 a 20 h
20 Mai - 4 Set 2022
Museo do Mar de Galicia | Vigo
20 Mai - 20 Xul 2022
De martes a domingo | De 11 a 14 h e de 16 a 21 h
1 Xul - 18 Set 2022
ENTRADAS XA Á VENDA
07 Xuñ - 4 Set 2022
De martes a domingo | De 10 a 20 horas
Do 16 Xuñ ao 13 Xul
De 10.00 a 20.00 horas
17 Xuñ - 30 Xul 2022
Luns - Sábados | 12.00-14.00 e 17.00-21.00 h