Judith Adataberna reflexiona en In vitro ex vivo (seleccionado na modalidade proxectos innovadores e arte dixital) sobre cuestións de fondo calado ético en relación coas técnicas de modificación do ADN e a idea da euxénese, entendida como a ideoloxía e o conxunto de prácticas asociadas que buscan mellorar a especie humana mediante o control da reprodución e a selección de determinados trazos biolóxicos considerados desexables. O proxecto conta co acompañamento de Laura Tabarés, artista especializada en new media, laboratorios de cocreación e pedagoxías contemporáneas.
A obra In vitro ex vivo tomará a forma dunha vídeo-instalación con dúas superficies verticais de vídeo e un elemento central, un tanque de vidro que funciona como espazo liminar onde observamos un ser en desenvolvemento. A peza central non representa un útero, senón unha substitución técnica: incubadora, vitrina e contedor á vez. O que hai no seu interior non está vivo pero tampouco é quen de vivir de maneira autónoma, existe unicamente grazas a unha estrutura de soporte. Esta condición remite ao estatuto do embrión humano editado: unha vida dependente de decisións externas e suspendida nun limbo ético.
O proxecto enuncia unha distopía onde é posible crear vida en placentas artificiais, emancipando a reprodución dos corpos femininos, e enuncia preguntas ao redor das implicacións que tería para o desenvolvemento desa nova vida sostida baixo condicións de edición e emancipación.
Fronte ao imaxinario tecnocientífico de precisión e control, a vídeo-instalación concíbese a partir dunha materialidade viscosa e inestable, sen límites definidos, onde o orgánico se mestura con instrumentos obstétricos, nunha masa cuxo crecemento lembra máis a unha criatura mitolóxica ou a un monstro en desenvolvemento incipiente.
Judith Adataberna (Vilaboa, 1992) é unha artista visual que desenvolve o seu traballo a través do cine experimental, a fotografía e a vídeo-instalación. Estudou Belas Artes na Universidade de Vigo e completou os seus estudos no Laboratorio de Cine experimental MÁSTER-LAV (Madrid) e CTV. Son temas recorrentes na súa obra os mecanismos da supervivencia entre especies e como o devir tecnolóxico engade unha relectura sobre o transhumanismo e o desenvolvemento afectivo coas máquinas que nos rodean.
O seu traballo presentouse en festivais como Curtocircuito, Playdoc, Filmadrid, Bendita Tú (Buenos Aires) e Intersección Festival, FFOCO, así como en galerías e espazos culturais como Sim Gallery (Reykjavik), Venice Art Projects (Venecia), Leira Haus (Lugo), Chiquita Room (Barcelona) ETOPIA (Zaragoza), MB Fashion Week, festival L.E.V en Matadero Madrid, Instituto Cervantes, La Casa Encendida, Macba, Loop Festival, Colexio Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela ou a Galeria Municipal do Porto. En 2024 realizou a súa primeira exposición individual La fuerza simulada na Fundación Granell de Santiago de Compostela.












