Durante o curso escolar, a Cidade da Cultura oferta un completo programa de visitas didácticas presenciais en diferentes quendas horarias a escoller. As grandes exposicións temporais do Museo Centro Gaiás protagonizan esta oferta educativa para os centros de ensino, no que non faltan tampouco os percorridos comentados para coñecer a arquitectura e a contorna verde do Gaiás.
Visita á exposición Traballo en equipo. Relatos contemporáneos desde a Colección CGAC
- Visita didáctica dispoñible ata o 13 de outubro de 2023
- Niveis educativos: 5º e 6º de Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
Algunhas veces as obras de arte contemporánea semellan tan sinxelas que desexarías que se che ocorresen a ti, pero a miúdo os conceptos que manexan son máis complicados. Nesta visita, o alumnado descubrirá as ideas que hai detrás de cada pintura, escultura ou performance, tentando que poidan entender e gozar da arte actual.
A través da exposición Traballo en equipo, a Cidade da Cultura súmase á celebración do 30 aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea exhibindo unha escolma de 54 obras de 51 artistas da Colección CGAC.
O alumnado poderá achegarse ás correntes e tendencias da arte contemporánea ao longo das últimas décadas nunha visita que trata temas como a arquitectura, a paisaxe, a ecoloxía, o feminismo ou o colonialismo a través das obras exhibidas, que serven de recurso para abrir un espazo de reflexión e debate arredor da obra artística, conectando transversalmente coa vida e a sociedade actuais. colonialismos.
Visita á exposición Nicolás Muller. Vento Norte
- Visita didáctica dispoñible ata o 3 de novembro de 2023
- Niveis educativos: 5º e 6º de Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
Afondamos no traballo dun dos referentes da fotografía española e europea do século XX. O fotógrafo húngaro Nicolás Muller asentouse en España a partir de 1947 e retratou a clase traballadora, as mulleres e os nenos, as xentes do rural, creando unha obra cun valor documental e etnográfico incalculable.
Nesta mostra percorremos parte das vilas, cidades e xentes que retratou ao longo da cornixa Cantábrica, de Navarra a Galicia, coa sensibilidade e o humanismo que o caracterizan, ademais dunha selección de instantáneas realizadas nos cinco países onde viviu (Hungría, Francia, España, Portugal e Marrocos).
Esta visita didáctica achega ao alumnado conceptos básicos da fotografía e o contexto da vida na posguerra española, o modo de vida, as tradicións e a sociedade da época, comparado cos outros países reflectidos na exposición e co obxectivo último de entender o pasado e obter ferramentas para afrontar o presente.
Visita á exposición Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura
- Visita didáctica dispoñible ata o 21 de decembro de 2023
- Niveis educativos: 5º e 6º de Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
Unha mostra que rende homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos, institución cultural determinante na construción da identidade galega e grande impulsor da modernización cultural e científica de Galicia, no ano que conmemoramos o centenario da súa fundación, e comisariada por un dos grandes historiadores de Galicia, Ramón Villares.
Nas visitas pedagóxicas a Luz na Terra propomos un percorrido polas primeiras décadas do século XX achegándonos á situación política, social e lingüística de Galicia. Inserido neste contexto, revelaremos como se artellaba o Seminario de Estudos Galegos a través de catorce seccións de traballo, como se facía o ingreso na Institución, as xeiras como metodoloxía de traballo, a difusión dos seus estudos e a redacción por parte deste organismo do borrador do Estatuto de Autonomía que se levaría a referendum no ano 1936.
Ese mesmo ano, o Seminario sería desmantelado por mor do Golpe de Estado militar e os seus membros collerían camiños diferentes, pagando altas peaxes pola súa ideoloxía e activismo. Pero a historia do SEG non remataría aquí, pois a exposición abrangue tamén os esforzos por recuperar a institución, que darían como resultado o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, o novo Seminario de Estudos Galegos fundado por Sargadelos ou o Museo do Pobo Galego.
Visita Gaiás: arquitectura e natureza
- Visita dispoñible todo o curso
- Niveis educativos: Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
- Duración aproximada: 50 minutos
Familiarizar á comunidade educativa co apaixonante mundo da arquitectura é o obxectivo principal destas visitas educativas. Descifraremos o código destes edificios a través dun percorrido ideado para profundar no proxecto construtivo de Peter Eisenman e a súa relación coa contorna paisaxística e natural na que se atopa. A visita inclúe a análise das maquetas da Cidade da Cultura, o vestíbulo do Museo Centro Gaiás, o Xardín Literario coas súas espectaculares vistas sobre a cidade de Santiago, o edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia e as Torres Hejduk dende o exterior.
